ALCALDÍA

O presidente da Deputación, de visita institucional no Concello

15/10/2015 Valentín González Formoso expresou o seu apoio á iniciativa liderada por Compostela para comarcalizar os servizos de Emerxencias. Martiño Noriega e o presidente da Deputación estudaron fórmulas para a apertura da ludoteca de Fontiñas.

O presidente da Deputación da Coruña realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Santiago. Valentín González Formoso foi recibido polo alcalde, Martiño Noriega, nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, e ao que asistiron os tenentes de alcalde, e os voceiros de Compostela Aberta, PP e PSOE.

No seu discurso, o presidente da Deputación expresou o seu desexo de que a de hoxe sexa a primeira de moitas visitas a Santiago porque, dixo, o organismo provincial "ten claro o papel de Compostela como capital e como motor cultural e económico de Galicia". Por iso, González Formoso comprometeuse a respaldar o proxectos importantes para Santiago, e nese sentido lembrou que no último pleno provincial aprobáronse investimentos para a nosa cidade por máis de 1.700.000 euros. O presidente da Deputación sinalou que unha das prioridades do organismo provincial é impulsar a creación de emprego, e ese será un dos filtros que se utilicen para conceder novas axudas.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago apostou porque a Deputación xogue un papel complementario das administracións locais, e reivindicou a posta en marcha de novos mecanismos para un reparto equitativo e transparente dos fondos provinciais. Martiño Noriega tamén quixo loubar o traballo que están a desenvolver no organismo os deputados composteláns de Compostela Aberta, PP e BNG.

Reunión co alcalde
A recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi rematou coa sinatura de Valentín González Formoso no Libro de Ouro da cidade. Despois, o presidente da Deputación e o alcalde mantiveron unha reunión, na que abordaron algúns proxectos de interese para Compostela.
Martiño Noriega aproveitou a xuntanza para trasladarlle ao responsable da institución provincial varias iniciativas nas que o alcalde de Santiago vén traballando da man cos seus homólogos noutros concellos da comarca. Unha delas tén que ver cos servizos de Emerxencias, prioridade para algúns municipios que teñen fortes carencias neste eido como Vedra, Boqueixón ou Ames. O rexedor compostelán lembrou que as administracións locais teñen dificultades para afrontar estes problemas, por mor das taxas de reposición que impiden a contratación de máis persoal. Neste sentido, Valentín González Formoso recoñeceu que a Deputación "ten instrumentos, como o Consorcio Provincial de Bombeiros, con máis marxe económica e legal para cubrir servizos deste tipo". Segundo explicou, este organismo "ten remanentes que se deberan dedicar a mellorar a atención á cidadanía". En todo caso, González Formoso e Martiño Noriega advertiron que estes procesos teñen as súas complicacións "como a necesidade de garantir dos dereitos adquiridos dos traballadores de emerxencias de cada concello, por exemplo dos bombeiros de Santiago", cos que se negociará antes de materializar calquera proposta. Ademáis, os dous coincidiron en que a Xunta, a través da Dirección xeral de Emerxencias, terá tamén que posicionarse ao respecto da comarcalización deste servizo.

Á marxe deste asunto, o presidente da Deputación da Coruña e o alcalde abordaron a posibilidade de que o organismo provincial achegue fondos para a apertura da ludoteca de Fontiñas, se ben aínda haberá que estudar as cantidades e as fórmulas concretas. Na reunión tamén falaron doutros proxectos de interese para Compostela e para municipios próximos como o acondicionamento das sendas verdes entre Santiago e Ordes, a mellora das comunicacións con Val do Dubra, ou a elaboración de Plans de Mobilidade desde unha perspectiva comarcal.

Compartir: