DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Área Central acolle este sábado a feira de inventores "Compostela Maker Faire"

15/10/2015 O Centro Comercial acollerá durante toda a xornada un escaparate de invencións, creatividade e inxenio pensado para todos os públicos.

A Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi a primeira edición de Compostela Maker Faire, unha feira de inventores e creadores que amosarán ao público as súas innovadoras propostas. A concelleira estivo acompañada polos organizadores do evento, Chus Prol e Enrique Saavedra. O Concello colabora co evento a través do programa de dinamización económica Compostela Móvese.
A primeira edición de Compostela Maker Faire nace como un escaparate para que inventores e creadores podan amosar o seu inxenio a todos os públicos, prestando especial atención aos máis pequenos, que contarán con actividades gratuitas durante todo o sábado, como obradoiros de Plastilina Conductiva, Robótica, Ecodeseño ou Papiroflexia.

Para o público en xeral e para dinamizar o evento, Área Central acollerá durante todo o sábado múltiples actividades. Haberá tres actuacións ao longo do día de LAR Legido, unha das figuras españolas con maior proxección e relevancia no panorama musical da libre improvisación. Entre as 13.00 e as 15.00 horas haberá un DJ na zona Relax. As 21.00 horas haberá un sorteo dunha impresora en 3D e a continuación rematará a xornada cun monólogo do cómico Victor Grande.

Para o público máis coñecedor ou interesado no movemento Maker, haberá cinco mesas de debate nas que diferentes expertos reflexionarán acerca da creatividade. As temáticas destes espazos de intercambio de ideas, experiencias e coñecementos son: Makers, Gastromakers, Espazos Maker, Educación e Artesania.

A Compostela Maker Faire quere ser tamén unha celebración do movemento "Maker". Entre os Makers hai todo tipo de xente de todas as idades e oríxenes: fans da tecnoloxía, artesáns, científicos ou inventores de garaxe. A intención da Maker Faire é divertir, informar e conectar á xente desta comunidade para que poda ir crecendo.
A primeira edición dunha Maker Faire tivo lugar en San Mateo, California. No ano 2014 celebrou a súa novena edición, reuniendo a uns 1.100 Makers e máis de 130.000 asistentes. O outro gran evento do movemento Maker, a World Maker Faire de Nueva York, con apenas tres anos de existencia reune xa a máis 80.000 asistentes. Actualmente celébranse actividades deste tipo por todo o mundo, sendo a de Santiago a primeira que se celebra en Galicia.

Compartir: