ALCALDÍA

O alcalde e o concelleiro de Educación visitan a Escola Municipal de Música, que conta con 405 alumnos

14/10/2015 Martiño Noriega e Manuel Dios coñeceron as instalacións xunto a pais e profesores. Os alumnos interpretaron varias pezas musicais.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou xunto co concelleiro de Educación, Manuel Dios, a Escola Municipal de Música da Almáciga, da que é titular o Concello de Santiago a través do Departamento de Educación.

Na escola hai actualmente 405 alumnos e 18 profesores, algúns dos cales realizaron un ensaio no Salón de Actos da Escola en presenza do alcalde e o concelleiro. Martiño Noriega e Manuel Dios estiveron moi pendentes dos ensaios dos rapaces e rapazas que os agasallaron con cancións e pezas musicais no seu percorrido polas aulas da primeira planta e da planta baixa. A Escola Municipal de Música oferta formación en música e movemento e práctica instrumental nun total de 25 instrumentos para nenos desde os 3 anos.

Dentro dos obxectivos da Escola Municipal de Música están o fomento da educación e a práctica musical, o fomento da formación corporal, vocal e instrumental ou un ensino aberto a todas as idades e sectores sociais. Por iso, a EMM promove a práctica musical por medio de coros, orquestras, bandas, grupos de cámaras, teatro, danza...

Compartir: