FACENDA

O Goberno reúnese coa Dirección Xeral de Catastro para a revisión de 1.977 fincas que comezarán a cotizar como rústicas en 2016

14/10/2015 A contía da devolución correspondente ao ano 2015 ascende a 300.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, mantivo unha xuntanza coa Dirección Xeral de Catastro en relación ao procedemento de valorización dos chans urbanizables sen planeamento urbano, que ata o de agora viñan contribuíndo ao IBI como fincas urbanas. A partir do 2016 pasarán a estar recoñecidos como fincas rústicas e contribuirán ao Imposto de Bens Inmobles como tal.

En Santiago vense afectadas por esta revisión 1977 fincas que durante todos estes anos estiveron a pagar unha maior contribución que a considerada na actualidade por lei. A modificación afecta a zonas da cidade como Mallou, Cancelas, A Muiña, Amio norte e sur, Mulas de Abaixo, Meioxonfrío, Torrente, Estrada de Vigo-Chouciños, Santas Mariñas-Sar, Sar-Monte Gaiás, Castiñeiriño, Boisaca, Costa Vella, Munín e Bando.

Dende a Dirección Xeral de Catastro apuntan que, ao iniciar este procedemento de forma inmediata, o padrón do IBI do próximo ano virá xa modificado con estas fincas como rústicas. Ademais, unha vez realizadas as modificacións por Catastro, o Concello procederá a devolver as cantidades correspondentes ao ano 2015 e que suporán un desembolso de 300.000 euros.

Compartir: