ALCALDÍA

Compostela e Tanabe reforzan os seus lazos de colaboración

14/10/2015 As dúas cidades explorarán vías de cooperación comercial e seguirán afondando na colaboración institucional e turística.

Unha delegación da cidade xaponesa de Tanabe visita estes días Compostela, no marco da colaboración que veñen mantendo as dúas urbes dende hai xa anos. Esta mañá, o rexedor de Santiago, Martiño Noriega, e o de Tanabe, Mitsutoshi Manago, ofreceron unha rolda de prensa conxunta na que expresaron a súa vontade de reforzar esa cooperación, que se plasmou nun convenio en maio de 2014.

Ese acordo supuxo a creación do Pasaporte Dual, que reciben aqueles que percorren as dúas rutas de peregrinación, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Desde maio a setembro recolleron esa distinción 88 persoas. Ademáis, o alcalde de Tanabe explicou que en 2014 o número de turistas españois que visitaron a súa cidade multiplicouse por oito con respecto a 2013, un incremento que Mitsutoshi Manago atribuiu en parte ás boas relacións con Compostela.

Reunión entre Cámaras de Comercio
O alcalde compostelán reiterou a súa intención de seguir explorando vías de colaboración entre Santiago e Tanabe. Nese sentido, Martiño Noriega salientou a principal novidade desta visita con respecto a anteriores viaxes da delegación de Tanabe a Compostela: a reunión bilateral entre as Cámaras de Comercio das dúas urbes. O encontro celebraráse mañá xoves, e o rexedor amosou o seu desexo de que del saian boas noticias para as dúas cidades.

Recepción no Salón Nobre
A visita da delegación de Tanabe comezou onte, cunha audiencia privada entre o alcalde compostelán, Martiño Noriega, e o seu homólogo xaponés, Mitsutoshi Manago. Na reunión tamén participaron os concelleiros de turismo das dúas localidades.

Despois dese encontro, a delegación de Tanabe foi recibida no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. No acto, Martiño Noriega e Mitsutoshi Manago lembraron os lazos que unen ás dúas cidades, como destino das dúas únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Camiño de Santiago, e o Kumano Kodo.

Compostela e Tanabe levan anos colaborando, e o ano pasado reforzaron a súa cooperación, coincidindo co ano dual España-Xapón, e co décimo aniversario da declaración do Camiño Kumano como Patrimonio da Humanidade. A intención das dúas cidades é manter unha promoción conxunta das súa respectivas rutas de peregrinaxe, aproveitando tamén as mellores conexións aéreas entre Compostela e Xapón.

Na recepción celebrada onte, e que estivo precedida por unha audiencia privada entre o alcalde e a delegación xaponesa, os dous rexedores fixeron un intercambio de agasallos. Ao acto asistiron os voceiros de Compostela Aberta, PP e PSOE.

Compartir: