ALCALDÍA

Santiago de Compostela terá unha rúa en Bilbao

05/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará o venres 6 en Bilbao, xunto co rexedor bilbaíno, Iñaky Azkuna, a rúa "Santiago de Compostela". Deste xeito, ámbalas dúas urbes quedan unidas de forma simbólica: Santiago estará presente no rueiro de Bilbao e viceversa, porque unha rúa compostelá, situada na nova urbanización entre a Choupana e Mestre Mateo e aínda non inaugurada oficialmente, leva o nome da cidade biscaíña, tal como aprobou o Pleno da Corporación en 2004.

A rúa "Santiago de Compostela" estará situada nunha das zonas máis modernas da capital vizcaína, de recente construción. Os rexedores de ambas urbes procederán á súa inauguración ás 12:00 da mañá do venres 6. Alí, Sánchez Bugallo aproveitará para convidar a Iñaky Azkuna a inaugurar a rúa Bilbao de Santiago en vindeiras datas, nun acto no que tamén se quere inaugurar a rúa Barcelona, a carón da anterior.

Os actos do alcalde en Bilbao comezan o xoves 5 cun encontro de confraternización cos galegos residentes nesta cidade. Xosé A. Sánchez Bugallo visitará a Casa de Galicia, acompañado polo seu director, Juanjo Baña, e asistirá á cea que organiza a Casa con motivo da súa visita.

Na xornada do venres, o alcalde compostelán, será recibido polo seu homólogo bilbaíno na Casa do Concello e a continuación, ámbolos dous mandatarios trasladaranse á zona de Miribilla, onde se ubicará a nova rúa "Santiago de Compostela".

Antes de marchar de Bilbao, Xosé A. Sánchez Bugallo realizará unha visita a distintos espazos culturais da cidade, entre os que salientan o Museo Guggenheim e o Museo de Bellas Artes, onde será recibido polo seu director, Javier Vidal, que o acompañará no percorrido polo centro.

Compartir: