TURISMO

Máis de 50 relatores, 1.200 citas comerciais e 19 países conforman FairWay, o I Forum do Camiño de Santiago

09/10/2015 A cita, que se celebrará na Cidade da Cultura do 15 ao 18 de outubro, aúna por vez primeira congreso e feira profesional. Como complemento á programación e o espazo expositivo puxéronse en marcha actividades paralelas na cidade. Os peregrinos poderán acceder gratuitamente ao evento coa Compostela, ademais a organización ofrece prezos especiais en aloxamentos e transporte.

- FairWay, o I Forum do Camiño de Santiago reunirá do 15 ao 18 de outubro en Santiago de Compostela os principais expertos na Ruta Xacobea e noutras rutas de peregrinación, pero tamén será un punto de encontro para todas as empresas vinculadas cos seus produtos ou servizos ao Camiño de Santiago.

E é que este I Forum do Camiño de Santiago é unha novidosa iniciativa privada que será ao mesmo tempo congreso e feira, tal e como explicaban esta mañá as súas impulsoras, as empresas compostelás Viloria, Mr. Turismo e Trevisani que hoxe presentaron en rolda de prensa FairWay. E facíano arroupados polo seu patrocinador principal, Correos e co apoio institucional de Turismo de Galicia, da man do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e do Concello de Santiago, na persoa do seu alcalde, Martiño Noriega.
Fairway, que tamén conta coa colaboración da Cidade da Cultura e máis da Catedral de Santiago, combinará así un espazo de relatorios, dividido en catro paneis temáticos, cun recinto expositivo de máis de 2000 metros cadrados adaptado tanto para dar visibilidade aos máis de 50 expositores participantes e ofertar os seus servizos ao público xeral, como para acoller un workshop no que haberá máis de 1.200 encontros comerciais que lles permitirán pechar acordos de colaboración con turoperadores a nivel internacional que operan con grupos ou persoas que queren facer o Camiño de Santiago en todo o mundo.

A recepción deste novo formato de comercialización obtivo unha gran resposta e, tanto o espazo expositivo como o workshop colgaron o cartel de completo.

A actividade comercial completarase co Pitch Show, onde os participantes poderán contar ao público nun tempo máximo de 5-10 minutos, con apoio audiovisual, o seu proxecto empresarial. Un formato dinámico e áxil, ideal para lanzaren produtos e servizos adaptados ao Camiño de Santiago e co que captar o interese doutras empresas ou do público xeral que se estima en máis de 5000 persoas que visitarán FairWay ao longo destes catro días.

Catro puntos de vista, un só Camiño
Co obxectivo de ofrecer unha visión global do fenómeno do Camiño de Santiago, a organización completou unha programación que contará coa participación de recoñecidos peregrinos como Antonio Catalán, presidente da cadea hotelera AC Hoteles, o cantante Serafín Zubiri, o director do Obradoiro CAB, José Luís Mateo, o músico Rick Treffers, ou o explorador e record guiness Marek Kaminski.

Xunto a eles escritores, comunicadores e produtores audiovisuais vinculados ao fenómeno Xacobeo como Carlos Mencos, Antón Pombo, Sue Kenney ou Cordula Rabe, autores de publicacións sobre o Camiño que se converteron en betsellers en moitos países.... en total máis de 50 relatores distribuídos en catro paneis de exposición e reflexión sobre o Camiño dende diferentes puntos de vista.

Así, Camiño Outsites, ofrecerá visións doutros aspectos do Camiño vinculados á seguridade, a infraestrutura ou o márketing; After Way, pola súa banda, será o panel máis experiencial, adicado a coñecer as vivencias de diferentes peregrinos, anónimos e coñecidos, unidos pola experiencia da Ruta Xacobea. Other Ways, outros Camiños no Mundo, en troques, xirará en torno a outras rutas históricas como a Vía Francígena italiana, o Kumano Kodo en Xapón ou o Camiño de San Olav en Noruega, camiños que comparten co de Santiago a súa forza experiencial e unha longa tradición coma roteiros de peregrinación.

Finalmente, o panel Camiño Insights vai xirar en torno á xestión do Camiño, contando representantes das diferentes administracións públicas e entidades vinculadas coa xestión e a seguridade do Camiño e doutras administracións polas que transcorre o Camiño.
Testemuños, reflexións e información que conforman a parte do FairWay Forum, concibida co obxectivo de crear un punto de encontro e reflexión sobre a situación actual de camiño de Santiago e as súas diferentes rutas xacobeas, encarando o seu futuro dun xeito sostible e estudando as necesidades que demanda un patrimonio co valor histórico, artístico e humano que posúe a Ruta Xacobea.

Actividades paralelas, FairWayCity
FairWay complétase, ademais, cun programa paralelo de actividades agrupadas baixo o epígrafe de FairWay City no que a gastronomía será a protagonista, a través de catas, unha ruta de petiscos e propostas especiais creadas para a ocasión por restaurantes de Compostela. Así, Gastroway, ofrecerá propostas especiais en 14 restaurantes da cidade baseadas en distintos puntos das rutas xacobeas mentres que o espazo gastronómico Vive Vide! ofrecerá unhas catas denominadas Con queixo, pan e viño ándase o Camiño.
Ademais, a partires do 13 de outubro, realizarase unha quedada para que toda a cidade coñeza a Ruta I Camiño, a ruta deseñada pola organización do Fairway co obxecto de unir os cinco Camiños que entroncan na cidade de Santiago de Compostela como un itinerario urbano para camiñantes que no futuro poidan seren peregrinos. Finalmente, dentro do mesmo recinto expositivo desenvolverase o Espazo Gastro de Fairway, a disposición do público que se achegue á Cidade da Cultura durante o transcurso do evento, onde se ofrecerá tanto un menú diario especialmente creado para a ocasión como degustacións de produtos galegos.

Inscrición, reservas e medios de transporte
O prazo de inscrición para participar no FairWay está aberto e ofrece diferentes opcións segundo sexa o perfil e o tempo que o participante adique ao Congreso. Esta entrada será de balde para aqueles peregrinos que durante os días do Congreso completen a súa andaina, que poderán acceder ao recinto amosando a Compostela que acredita a súa peregrinación.

A organización programou, ademais, un autobús lanzadeira que comunicará gratuitamente cada media hora a Praza de Galicia e a Cidade da Cultura para facilitar o acceso dos participantes ao recinto na Cidade da Cultura. Tamén desde FairWay ofrécense descontos especiais en distintos aloxamentos da cidade e Renfe colabora cun 30% de desconto nos billetes de ferrocarril para acudir a este evento. Un encontro ao que a organización convida a todos os composteláns e visitantes á Cidade a participaren e descubriren facetas descoñecidas do Camiño de Santiago.

Toda a información sobre esta cita está dispoñible no portal web www.fairwaysantiago.com

Compartir: