ALCALDÍA

Importantes avances no convenio de Bando

04/10/2006 A reunión que mantivo o mércores 4 en Madrid o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, co Secretario de Estado de Defensa, Francisco Pardo Piqueras e o Director Xeral de Infraestruturas de Defensa, Julián Sánchez Pingarrón, permitiu avanzar nunha solución para que os terreos de Bando pasen a ser de titularidade municipal a través dun convenio que podería firmarse a finais de ano.

A xuntanza, que tiña como obxectivo aclarar a situación dos terreos militares de Bando, rematou cun principio de acordo entre o Concello de Santiago e o Ministerio de Defensa. Á saída do encontro, celebrado na Secretaría do Estado de Defensa durante case dúas horas, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo manifestou que "a reunión supuxo un avance moi significativo. Deixamos encamiñada a solución pero antes de facela pública é preciso que os servizos xurídicos do Concello e do Ministerio contrasten os detalles que se plasmarán nun convenio que seguramente se firmará cara finais deste ano".

Unha vez que o concello de Santiago se faga coa titularidade dos terreos poderá levarse a cabo o proxecto da gran instalación deportiva prevista no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, na que se inclúe un campo de golf. Bugallo valorou a "actitude positiva" e a disposición "moi favorábel a acadar un acordo" por parte do Ministerio de Defensa e avanzou que este principio de acordo prevé "unha solución que beneficiará ao propio Aeroclub".

Compartir: