EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

Un libro recolle as xornadas organizadas por Andaina arredor da prostitución e a inmigración

13/04/2005 "Outras voces, outros mundos. Mulleres inmigrantes e prostitución en Galicia" é o título do libro que compila os traballos de campo sobre a prostitución e os relatorios de dúas traballadoras sexuais expostos durante as xornadas organizadas pola Asociación Andaina en decembro do pasado ano. A obra está editada pola Asociación Andaina en colaboración coa Concellería de Emigración e Inmigración.

A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, e a representante da xunta directiva da Asociación Andaina, Felicia Estévez, presentaron en rolda de prensa o libro Outras voces, outros mundos: mulleres inmigrantes e prostitución en Galicia, que vén de saír á luz.

O libro recolle os relatorios das xornadas organizadas por Andaina, asociación que edita a Revista Galega de Pensamento Feminista, e celebradas os días 3 e 6 de novembro de 2004 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Tras unha introducción da Asociación Andaina, que fala da necesidade de que as mulleres prostitutas falen de si mesmas, dos posicionamentos feministas arredor deste tema e de cómo variou a súa propia concepción desde inicios da década dos 80 ata a actualidade, Laura Oso, profesora na Facultade de Socioloxía na Universidade de A Coruña fala sobre "Mulleres inmigrantes latinoamericanas e traballo sexual en Galicia". A continuacion transcríbese o relatorio de Pepe López, avogado, sociólogo e diplomado en Criminoloxía arredor das "Traballadoras do sexo colombianas e brasileiras en Galicia", e o de Pye Jacobson, traballadora sexual: "A política do ahhggg: O caso sueco". Finalmente, unha traballadora sexual colombiana relata "Unha experiencia persoal do negocio con traballo sexual en Galicia".

Compartir: