ALCALDÍA

A Corporación respalda as demandas da comunidade educativa do CEIP de Vite

05/10/2015 A voceira da ANPA, María Cernadas, intervíu para defender un aumento do persoal do centro na sesión plenaria, na que tamén se aprobou unha declaración institucional en apoio ás reivindicacións do colexio. Non foi a única declaración, tamén se deu luz verde a outra respaldando a Marcha Estatal contra as Violencias Machistas.

O Pleno da corporación municipal expresou a súa solidariedade coa ANPA do CEIP de Vite, que leva semanas denunciando a falta de medios persoais e materiais que sofre o centro. Foi a través dunha declaración institucional acordada por unanimidade polos grupos de Compostela Aberta, PP, PSOE e BNG.

No texto, a corporación manifesta a súa preocupación pola grave situación que vive a comunidade educativa do colexio público de Vite, como consecuencia da necesidade de persoal docente e auxiliar que se está a rexistrar neste comezo de curso. Os catro grupos municipais defenden a demanda do CEIP de Vite para axustar o número de coidadores e de profesores especialistas en pedagoxía terapéutica ás necesidades reais do centro. Por iso, o Concello insta á Xunta, como administración competente na materia, a que adopte as medidas oportunas para resolver as demandas da comunidade educativa do centro, e insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a que revise a catalogación do CEIP de Vite para axustar a súa ratio de profesorado e persoal auxiliar á realidade do seu alumnado con necesidades educativas especiais.

A veciñanza toma a palabra no pleno
A aprobación da declaración institucional estivo precedida pola intervención no pleno da voceira da ANPA do CEIP de Vite. María Cernadas lembrou que o dereito a unha educación inclusiva está recoñecido por lei, e criticou que as actuais ratios de profesorado e persoal auxiliar non teñan en conta aspectos como o número de alumnos repetidores que ten o centro.

No pleno ordinario do mes de outubro tamén tomou a palabra Benedicto Blanco, que pediu o apoio da corporación á Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola CIG en favor da tarifa eléctrica galega para garantir a enerxía como un servizo público.

Apoio á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas
O Pleno da corporación tamén aprobou unha declaración institucional consensuada polos catro grupos municipais en apoio á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas, que o sete de novembro reunirá en Madrid a colectivos feministas de todo o Estado. A través da declaración institucional acordouse que, nese mesmo día, se coloque unha pancarta violeta na fachada do Pazo de Raxoi, co lema "Contra as Violencias Machistas". A corporación tamén se compromete a manter todos os días do ano os recursos materiais e persoais necesarios para lograr a igualdade e manter a atención xurídica, social e psicolóxica que precisan as vítimas da violencia machista.

Santiago libre de desafiuzamentos
Tamén se acordou a declaración de Santiago como cidade libre de desafiuzamentos. Foi a través dunha moción de Compostela Aberta que recibiu os votos favorables de PSOE e BNG, e coa que o pleno apoia o dereito á vivenda dos cidadáns e cidadás e pide a suspensión indefinida dos desafiuzamentos por impago de cotas hipotecarias ou por impago de rendas sen alternativa habitacional. Ademáis, o Concello comprométese a evitar a intervención dos corpos e forzas de seguridade e emerxencias municipais en desafiuzamentos, e insta ao Consejo General del Poder Judicial, á Xunta e á Fegamp a abordar conxunta e coordinadamente medidas que dean resposta ás situacións de vulnerabilidade que puideran detectarse no curso dos procedementos xudiciais. A corporación tamén se compromete a procurar a coordinación co Xulgado cando teña coñecemento dun proceso de desafiuzamento, a promover a creación dunha Axencia Municipal da Vivenda, e a instar ás entidades financeiras e á Xunta a adoptar medidas en prol dos afectados por estes procesos.

Pacto social pola auga
Así mesmo, o pleno deu luz verde á adhesión de Compostela ao Pacto Social pola Auga, unha iniciativa que conta xa co respaldo de máis de 300 organizacións sociais, ecoloxistas, académicas e sindicais. O obxectivo é que a sociedade civil acorde as regras básicas do modelo público da xestión da auga: transparencia, rendición de contas e participación social, e sostenibilidade económica, social e ambiental.
O Pacto Social pola Auga ao que agora se suma a capital galega, co respaldo de Compostela Aberta, PSOE e BNG, aposta por un sevizo da auga 100 % público, garantindo o acceso a este recurso cunha dotación mínima de entre 60 e 100 litros por persoa e día, mesmo en caso de impago.

Outros asuntos
O Pleno tamén aprobou por unanimidade dos grupos a proposición do grupo municipal do BNG para a realización dun proxecto de carril bici e senda peonil. A este respecto, o concelleiro de Espazos Cidadáns e Mobilidade, Jorge Duarte, engadiu que o goberno municipal xa está traballando nunha inciativa desta natureza e confirmou que a semana que vén ten previsto reunirse co director xeral de Mobilidade para seguir avanzado. Dúas proposicións do grupo municipal socialista acadaron tamén a aprobación unánime da corporación: a relativa á modificación do artigo 99 do Regulamento orgánico municipal e a que solicita que se inicien os procedementos para as revisións das ordenanzas de publicidade e rotulación, e a de terrazas e quioscos de hostalería.

Compartir: