ESPAZOS CIDADÁNS E CONVIVENCIA

O Ministerio de Fomento inicia a terceira fase das obras do túnel de Conxo

03/10/2015 O alcalde da cidade, Martiño Noriega, mantivo distintos contactos co Ministerio para pedir que se axilicen os traballos. O inicio desta fase suporá modificacións no tráfico.

O Ministerio de Fomento iniciará, o próximo luns 5 de outubro, a fase 3 das obras do túnel de Conxo. O avance dos traballos afectaralle ao tráfico, e obrigará ao corte total da SC-20 sentido A Coruña, entre o paso superior da rúa do Penedo (punto quilométrico 7+300) e o paso inferior da travesía de Conxo (punto quilométrico 7+900). O tráfico manterase pola calzada sentido Pontevedra, cun carril para cada sentido de circulación. Ademais, prohibirase o acceso á glorieta desde as rúas que conflúen nela.
Tanto os desvíos como os itinerarios alternativos recomendados estarán debidamente sinalizados, co obxectivo de minimizar as molestias.

Nesta terceira fase, os traballos consistirán na construción dos muros necesarios da estrada SC-20 para rebaixar a rasante actual do periférico en Conxo.

Contactos co Ministerio de Fomento
O alcalde recoñeceu que as obras do túnel de Conxo "van a un ritmo que non é o axeitado". Por iso, Martiño Noriega desvelou que nas últimas semanas estableceu diversos contactos co Ministerio de Fomento para pedirlle que se axilizaran os traballos. O rexedor mesmo mantivo unha conversa telefónica coa ministra Ana Pastor, despois de constatar o malestar dos veciños do barrio. O alcalde amosouse confiado en que o anuncio que fixo o Ministerio de Fomento supoña un pulo definitivo para esta actuación, que se retomou en xullo despois de seis meses de paralización total.

NOTA: en documento adxunto, os desvíos no transporte urbano.

Compartir: