CONSORCIO

O Consorcio de Santiago e o Colexio de Arquitectos de Galicia colaboran na política de Rehabilitación do Casco Histórico

04/10/2006 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, asinaron un convenio de colaboración polo que os arquitectos colexiados poderán acollerse ás bolsas destinadas a realizar diversas actuacións dentro dos programas de axuda á Rehabilitación na Cidade Histórica promovidos polo Consorcio de Santiago.

Sánchez Bugallo amosouse "encantado de que profesionais fagan estas obras" e sinalou que "é unha garantía que o Colexio de Arquitectos se faga cargo destas bolsas". Ademais, recordou a importancia de todas estas pequenas obras, que contribúen a "preservar o patrimonio de Compostela e a facelo habitable".

As actuacións nas que poderán colaborar estes arquitectos mozos son as consideradas como proxectos de obra menor, tales como as de reformas de galerías e carpintería interior e exterior de edificios, pequenas reformas de tabiques e instalacións, retellado da cuberta, pintura ou limpeza de fachadas, etc. En calquera caso serán obras que non afecten ao deseño exterior, á cimentación, á estrutura e ás condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios.

Outras obras incluídas neste convenio de colaboración son as comprendidas no recente Plan de Mantemento de Edificios, recentemente aprobado polo organismo interadministrativo, e que conta na súa primeira convocatoria con 36 solicitudes de intervención. A maior parte destas solicitudes abranguen as intervencións en fiestras e galerías de madeira, medianeiras, portais e escaleiras interiores, entre outros elementos.

Este acordo tamén contempla o desenvolvemento dunha aplicación informática que posibilite a elaboración da memoria técnica. Ademais da experiencia profesional durante estes doce anos de política de rehabilitación, o Consorcio aportará tamén 6.000 euros para a realización da devandita aplicación.

Para poder acollerse a esta Bolsa de Traballo é preciso que os arquitectos colexiados dispoñan da titulación académica con posterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2000, entre outros requisitos. A súa relación laboral co Consorcio será a propia dunha asistencia técnica, rexéndose polo prego de condicións redactado a tal efecto.

Esta Bolsa de Traballo, que pretende dotar de experiencia aos mozos colexiados e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral, estará baixo a responsabilidade da Xunta de Goberno do COAG, que se encargará de nomear aos responsables que deberán asignar os traballos que o Consorcio de Santiago demande, facer o seguimento dos mesmos e realizar as convocatorias de difusión das obras que o Consorcio comunique ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

A vixencia deste convenio de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o COAG é dun ano (prorrogable) a partir da data da súa sinatura.

Compartir: