ALCALDÍA

Sánchez Bugallo salienta o compromiso coa liberdade e os valores humanos de Ramón Rubial no centenario do seu nacemento

03/10/2006 Ata o 14 de outubro o Centro Sociocultural José Saramago, en Vite, acollerá a exposición "Ramón Rubial. 100 anos de compromiso. 1906-2006", da Fundación Rubial-Españoles en el Mundo. A mostra, que conmemora o centenario do nacemento deste obreiro e político, foi inaugurada polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A exposición lembra a traxectoria de Ramón Rubial, do que o alcalde destacou o seu compromiso coa liberdade, coa solidariedade e coa tolerancia, ademais dos seus valores humanos. Un exemplo para moitas xeracións actuais e futuras, dixo.

Ramón Rubial naceu en Erandio (Biscaia) o 28 de outubro de 1906. Obreiro metalúrxico de profesión, iniciou en 1920 a súa militancia na Unión Xeral de Traballadores (UGT) e, en 1922, afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE). En 1934 foi detido, procesado e condenado pola súa participación en actividades revolucionarias. Combateu na Guerra Civil, foi capturado en 1937 e condenado a 30 anos de prisión. Comezou entón a súa peregrinaxe por cárceres españolas ata 1956. Liberado o 23 de agosto dese ano, dedicouse a reorganizar o PSOE e a UGT na clandestinidade.

Foi presidente do PSOE dende 1976 ata a súa morte en decembro de 1999. Fora elixido senador por Biscaia nas primeiras eleccións democráticas (1977) e o 7 de febreiro de 1978 nomeárono presidente do Consello Xeral Vasco, que preparou a volta da autonomía ao País Vasco, ata 1980. En 1991 impulsou a creación da Fundación Españoles en el Mundo, que pasou a chamarse Fundación Ramón Rubial-Españoles en el Mundo

Ademais do alcalde de Santiago, participaron na inauguración da exposición o presidente da Fundación Ramón Rubial-Españoles en el Mundo, Eduardo Gómez Basterra, e a senadora e filla de Ramón Rubial Lentxu Rubial Cachorro.

Compartir: