CENTROS SOCIOCULTURAIS

A biblioteca de Fontiñas estrea espazo e convértese na mellor dotada da rede de centros socioculturais

03/10/2006 O Centro Sociocultural de Fontiñas ven de estrear novo espazo para a súa biblioteca. A terceira planta do edificio acaba de reformarse para darlle cabida aos fondos bibliográficos do centro. Ata o de agora a biblioteca ocupaba de forma provisional unha estancia reducida no primeiro andar. Con este novo espazo de 250 metros cadrados, os usuarios de Fontiñas teñen á súa disposición a biblioteca mellor dotada de todas as que integran a Rede de Centros Socioculturais da cidade.

A nova biblioteca de Fontiñas conta con 12 postos de lectura para xornais e revistas, 38 postos de estudio para adultos e outros 12 postos para nenos. Ademais, o novo espazo conta tamén cunha sala de reunións, unha área wifi e un almacén onde están catalogados 7.200 exemplares. Ademais, os socios de Fontiñas poden acceder tamén aos máis de 20.000 exemplares cos que conta a rede.

A de Fontiñas é unha das bibliotecas máis dinámicas da cidade. Dos 3.762 socios cos que conta a rede, o 70%, é dicir, 2.639 pertencen ao centro de Fontiñas. A intensa actividade deste centro reflíctese tamén no volume de préstamos, que son un 73,13% do total da rede, e na actividades que organiza.

Dende que empezou a funcionar no ano 2000, organizáronse periodicamente sesións de contacontos e recitais de poesía. Ademais conta cun Club de Lectura ao que teñen asistido persoeiros da cultura e das letras como Marilar Aleixandre, Neira Cruz, Suso de Toro ou Abel Caballero. Os membros do Club de Lectura reúnense todos os mércores ás 20 horas e contan coa súa propia web http://www.xente.mkundor.com/fendetestas/

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, e boa parte da corporación municipal, fixo unha visita o pasado venres día 29 de setembro á nova biblioteca, onde constatou o dinamismo do centro que segundo afirmou "é un reflexo do dinamismo deste barrio e da saída ás inquedanzas dos usuarios" e engadiu que a proba desto é a "elevada asistencia a todas actividades que se organizan e que se propoñen, toda a vida cultural do barrio pasa por aquí". Sobre a biblioteca apuntou que se trata da "mellor da rede tanto por servizos coma por espazo" e instou aos usuarios que se atopaban nese momento nas instalacións a difundila entre os veciños que aínda non a coñezan.

Compartir: