CULTURA

O teatro protagoniza a oferta cultural de outubro

03/10/2006 O mes de outubro chega cargado de teatro, con varias representacións, entre as que destaca, destaca a de "Hamelin", a premiada obra que Animalario trae ao Teatro Principal. Tampouco faltará o cine, a música ou o circo.

Guillermo Toledo, Alberto San Juan, Nieve de Medina, Nathalie Poza ou Andrés Lima, que dirixe, estarán sobre o escenario compostelán os días 28 e 29. O reparto e catro premios Max prometen o favor do público para esta obra que fala de ratas, neste caso de homes rata.

O teatro chegará tamén ao Principal, do 9 ao 12 de outubro, da man da compañía galega Teatro do Noroeste, co seu "Café Imperial. Café cantante", de Eduardo Alonso. No mesmo recinto da Rúa Nova actuará Talía Teatro os días 26 e 27. Nesta ocasión a compañía representa "Esperando a Godot", de Samuel Beckett. As representacións escénicas esténdense igualmente a outros escenarios, como a Sala Yago ou a Sala Nasa.

O cinema trae dúas propostas ben diferentes. Por un lado, do 16 ao 21 celébrase Curtocircuíto. Polo outro, Compostela vólvese a converter un espazo para a difusión do cine árabe, grazas ao Festival "Amal". Un avance para o mes máis cinéfilo de todos, novembro, que acollerá unha nova edición de Cineuropa.

As propostas musicais do mes veñen da man de dous concertos do VII Ciclo de Lied e das habituais sesións da Banda Municipal de Música, que este mes chegan acompañadas dos pases das bandas municipais de Tui e de Ourense. E no Auditorio de Galicia, unha ópera de prestixio, "As vodas de Fígaro" de Mozart, a cargo da Real Filharmonía de Galicia. A cita será os días 19 e 21.

A oferta de outubro complétase co Festival Internacional de Títeres, "Galicreques", do 2 ao 8, e co espectáculo circense "Tomate", a cargo de Pistacatro, ademais das distintas presentacións da mostra "A cidade interpretada".

Documentos relacionados



Compartir: