TRANSPORTES

Preto de 150.000 cidadáns beneficiaranse do servizo de Transporte Metropolitano

02/10/2006 Os habitantes dos concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, Teo, Val do Dubra e Vedra disporán a partir do martes 3 dun servizo de Transporte Metropolitano. Serán uns 150.000 cidadáns os que se beneficiarán dun servizo que contempla novas paradas e itinerarios e un unha significativa redución do custo do billete.

O Concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, manifestou a súa satisfacción pola posta en marcha do Transporte Metropolitano "despois dun proceso longo e complicado". Lembrou que, máis alá da "cidade administrativa", hai unha "cidade real" á que agora se lle vai dar servizo dun xeito "eficiente, barato e áxil".

"O metro de Santiago ten que ser o autobús", apuntou Fernández Leiceaga, que incidiu na súa confianza en que o transporte metropolitano favoreza que moitos cidadáns deixen o coche na casa". Segundo anunciou, as previsións son as de lograr 350.000 viaxeiros menos ao ano. Isto implicará un dobre beneficio: a mellora do tráfico e un impacto ecolóxico favorable.

O concelleiro felicitouse polo novo servizo e falou da intención de seguir mellorándoo no futuro. Neste sentido, recordou que o Concello estima que o obxectivo final debe ser a consecución dun consorcio de transporte.

Pola súa parte, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, agradeceu a "xenerosidade" do Concello de Santiago, por "permitir a penetración das liñas no centro urbano de Santiago". Ademais, ofreceu as cifras do novo Transporte Metropolitano, co que se pretende, de aquí ao 2010, incrementar o uso do transporte público en torno ao 35%. O novo servizo dará cobertura a 15 corredores, que posibilitarán 3.218 combinacións a través de 91 liñas. Haberá 204 paradas.

Tarxeta-moedeiro

Este servizo será utilizado ao longo deste ano por uns dous millóns de viaxeiros, cifra que se prevé incrementar ata 2,6 millóns en 2010. A novidade máis importante para o usuario é a redución no prezo do billete de autobús para os usuario que empreguen a tarxeta-moedeiro. A maioría dos viaxeiros terán que pagar unicamente 0,67 euros. Isto será posible grazas a unha bonificación de 0,38 euros, que nalgúns percorridos chegará ata 0,48 euros, sufragada entre as Administracións autonómica e local e os propios operadores.

Só se beneficiarán das bonificacións os que usen as tarxetas-moedeiro, que se poderán recargar nas oficinas de Caixa Galicia. As tarxetas poden adquirirse a un prezo de 2 euros e recargarse cun importe mínimo de 5 euros e un máximo de 180.

O plan estará operativo dende o 3 de outubro para o 80% do movemento de viaxeiros, que se corresponde coas rotas que cobren as empresa Hedegasa, Grabanxa, Donado Campos, Hermanos Ferrín e Castromil. O 100% acadarase ao longo do mes, cando algunhas empresas ultimen o funcionamento das máquinas canceladoras nos autobuses.

A oferta de servizos inclúe tamén a reordenación das paradas xa existentes co fin de asegurar un tráfico fluído e ordenado. Na rúa da Rosa instalarase un intercambiador de autobuses, no que confluirán as liñas metropolitanas procedentes de Milladoiro, Bertamiráns, Cacheiras e Oroso.

A presentación do Transporte Metropolitana celebrouse nun acto en San Francisco no que, ademais do concelleiro de Transportes e da conselleira de Política Territorial, tomaron parte alcaldes e representantes municipais dos oito concellos.

Compartir: