MULLER

Compostela homenaxeou a Clara Campoamor no 75 aniversario do sufraxio feminino

01/10/2006 Unha rúa de Compostela levará o nome de Clara Campoamor. Así o anunciou o alcalde no transcurso dos actos de conmemoración do 75 aniversario do sufraxio feminino, celebrados na Praza do Toural. Este nome e o duns 80 vieiros máis será levado a Plenos neste mes de outubro.

A homenaxe comezou coa lectura dun manifesto a cargo de varias mulleres. Así, a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, a propósito do logrado por Clara Campoamor no seu tempo, chamou a "reflexionar para que os novos camiños que o milenio trazou ante nós non volvan sobre as pegadas do pasado". Nisto mesmo incidiu a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Rodríguez, ao indicar que "as privacións de méritos" desta e doutras mulleres no pasado supuxeron "a nosa victoria no presente".

Pola súa parte, a decana da Facultade de Ciencias Políticas, Nieves Lagares, recordou a figura de Clara Campoamor pola débeda que ten con ela "a historia de España e do movemento feminino". Neste sentido, lembrou que, ademais da consecución do voto feminino, esta muller loitou polo divorcio e pola igualdade. Finalmente, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, falou da homenaxeada como "unha guía no camiño da liberdade da muller e do xénero humano en xeral". Afirmou que "os logros acadados polas mulleres como éla deben permanecer como dereitos imprescindibles e inalienables no presente e no futuro", aínda que precisou que "no proceso de igualdade entre xéneros aínda non se acadaron as cotas que a muller merece".

A continuación, descubriuse unha placa en homenaxe a Clara Campoamor, que en breve estará colocada na rúa que leve o seu nome. A súa será unha das rúas cuxa denominación se levará a Pleno a mediados de outubro, segundo anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Un bo número destes vieiros levarán nomes de mulleres, compensando así o déficit existente, segundo apuntou. O acto rematou coa actuación do grupo musical Leilía.

Unha muller exemplar

Clara Campoamor naceu en Madrid un 12 de febreiro de 1888. Titulada en dereito, foi elixida en 1931 para ocupar un escano no Congreso dos Deputados da II República. Alí destacou, principalmente, pola defensa que fixo dos dereitos da muller. Ademais, Introduciu no Parlamento a Lei de Dereitos do Neno, ademais de participar na elaboración e defensa da Lei do Divorcio.

O 31 de outubro de 1931, conseguiu para sempre a igualdade de dereitos electorais do home e da muller. Ese día, as Cortes aprobaron o dereito ao voto das mulleres, que quedaría recollido no artigo 36 da Constitución da II República.

En 1936 ten que partir ao exilio, establecéndose en Bos Aires e rematando os seus días o 30 de abril de 1972 en Lausanne (Suiza). Nunca máis puido volver a España, onde lle agardaban doce anos de cárcere.

Documentos relacionados



Compartir: