ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A Cidade da Cultura debe ser un proxecto de Estado para Galicia"

29/09/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou a súa satisfacción pola implicación do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a propósito da Cidade da Cultura. Ao seu xuízo, esta actuación "debe ser un proxecto de Estado para Galicia" e indicou que "por fin parece que se entra na senda para que sexa un gran proxecto para Galicia".

Sánchez Bugallo referiuse a algunhas ideas xurdidas sobre o futuro da Cidade, que cualificou como "absurdas" e manifestou que "se se fai unha gran obra como esta, os contidos culturais e a programación teñen que estar á altura". Neste sentido, afirmou que a súa única preocupación era "a tendencia ao minifundismo deste país, que convertería un gran esforzo dos galegos nun fiasco". Non obstante, referiuse ao compromiso da Xunta e da Concellería de Cultura en particular para amosarse optimista e para pensar que o proxecto "vai ser tratado como debe".

Na súa habitual rolda de prensa para comentar os asuntos da actualidade local, o alcalde analizou tamén a previsión dos orzamentos do Estado para Santiago de Compostela, presentados esta semana. Manifestou unha "satisfacción moderada" polos investimentos comprometidos, aínda que esbozou certas reservas en canto aos proxectos da rede de colectores e da autovía que unirá Santiago con Lugo.

No caso dos colectores, o alcalde expresou o seu desexo de que quede mellor debuxado o orzamento para esta obra e, neste sentido, prevese que se poida introducir algunha enmenda no trámite parlamentario. Con todo, recordou que a primeira parte do colector, entre San Lázaro e Pontepedriña, están xa en proceso de adxudicación, cun orzamento de 11 millóns de euros, e que se agarda que a segunda fase poida licitarse en decembro ou xaneiro. Ademais, recordou que existe o compromiso que de que non haberá retrasos na nova estación depuradora, cuxo proxecto se está redactando.

No caso da autovía a Lugo, Sánchez Bugallo indicou que da lectura dos ornamentos se "intúe" que este ano se licitará algún tramo da mesma, pero tampouco con claridade, polo que demandou un impulso a esta vía de comunicación. Finalmente referiuse á nova biblioteca pública de Santiago, en proceso de construción e que si ten unha partida nos ornamentos de 2007 para o seu remate e dotación. Respecto a esta infraestruturas, expresou a súa confianza que poidan adiantarse os prazos da súa conclusión en 2007.

Acordos plenarios

O alcalde tamén aludiu a algún dos temas aprobados no último Pleno Municipal. Así, felicitouse de que por fin se puxera fin aos procesos xudiciais, resoltos a favor das teses do Concello, que paralizaron o desenvolvemento do Sup-1 de Romero Donallo. Coa aprobación definitiva, poderá poñerse en marcha este proxecto, que conectará o Ensanche tradicional co novo de Conxo, a través dun espazo residencial e de servizos cun importante impacto estético.

As novas ordenanzas de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas áreas de rehabilitación integra, e de convivencia, residuos e limpeza urbana foron outros dos temas abordados por Sánchez Bugallo. Respecto a esta última, non descartou que no futuro se poida facer "unha ordenanza específica de civismo", pero tamén recordou que "se se poñen unhas multas de 750 euros, que a ninguén lle quede dúbida de que se van aplicar".

Compartir: