CULTURA

O arquivo fotográfico de Julio Cortázar exhíbese en Compostela

28/09/2006 Parte do rico arquivo fotográfico do escritor arxentino Julio Cortázar, doado á Xunta de Galicia pola primeira esposa do escritor, Aurora Bernárdez, poderá contemplarse ata o 19 de novembro en Compostela. A exposición "Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Julio Cortázar" conta con cinco seccións, que constitúen unha completa aproximación á vida do autor: Viaxes, Cartas, Fotografía, Cine e Música. A mostra foi inagurada nun acto no que, entre outros, participaron o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.

O arquivo fotográfico cedido por Aurora Bernárdez, filla de galegos, componse 4.000 fotografías e arredor de dúas horas de gravacións cinematográficas obtidas por Julio Cortázar en Brasil, India e Uganda, entre outros lugares. Dentro da ampla colección destacan as imaxes que serviron de inspiración para a obra "Prosa del observatorio", unha mestura de textos e imaxes realizada xunto ao fotógrafo Antonio Gálvez; as súas series de "Muñecas rotas" e "Los autonautas de la cosmopista"; así como as tomadas durante a súa única visita a Galicia en 1955, pouco despois da voda con Aurora Bernárdez.

Cortázar foi un viaxeiro incansable grazas ao seu traballo como tradutor para diversos organismos oficiais e gran parte da súa obra literaria xirou arredor deste tema. As súas cartas -definidas por el mesmo como "a máis auténtica expresión do meu ser"-, escritas en moitas ocasións durante estas viaxes por innumerables lugares (Arxentina, París,Cuba, Irán ou Galicia), constitúen unha valiosa testemuña e un achegamento ao universo literario e interior do autor.

Esta exposición forma parte dun proxecto máis amplo chamado Outono Cortázar que incluirá as proxeccións das súas gravacións, un ciclo de cine no CGAI e unha serie de xornadas de conferencias e debates, ás que acudirán diversos persoeiros que coñeceron ao autor.

Compartir: