TURISMO

Francisco Candela: "Debemos redefinir o papel dos municipios no impulso do turismo"

27/09/2006 O I Foro Profesional de Turismo Urbano e Cultural, organizado por Turismo de Santiago e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), foi inaugurado no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela; o presidente da Comisión de Turismo da FEMP, Joseph Mariné i Grau, e o vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Enrique Fernández.

Con este evento, Santiago colócase no punto de mira dos principais xestores turísticos nacionais, que durante tres días se reunirán na cidade para celebrar o Día Mundial do Turismo e debater sobre as novas formas e posibilidades de desenvolvemento do turismo urbano.

Durante o discurso inaugural, Marinè i Grau e Candela coincidiron en sinalar a importancia de traballar polo financiamento dos municipios, toda vez que neles recae o deber da atención da demanda dos seus visitantes.

‘Hai que impulsar o turismo urbano desde onde se produce’, sinalou Candela, ‘traballando por mellorar a súa relación coa vida urbana, de maneira que se insira harmónica e naturalmente no día a día dos cidadáns. O desenvolvemento das políticas públicas debe ir parella coa implicación do conxunto da cidade nesta actividade’.

O Foro de Turismo Urbano e Cultural servirá aos principais xerentes dentes turísticos para poñer en común experiencias propias e coñecementos a través de relatorios de expertos, mesas redondas e debates, ademais dun enfoque práctico que inclúe obradoiros de formación durante as tres xornadas.

Conferencia de Victoria Marcos

Na primeira intervención do foro, a directora executiva de membros afiliados da Organización Mundial do Turismo, Victoria Marcos, sinalou o feito de que o turismo urbano e cultural está demostrando ser un dos segmentos de maior dinamismo dentro do mercado.

Citando estudos adiantados por este órgano das Nacións Unidas, Marcos definiu os desafíos do segmento en momentos en que aumenta a competencia entre as cidades europeas, a competencia que introducen as cidades asiáticas e o impacto do turismo sobre a calidade de vida urbana.

Fronte a este retos, os destinos culturais "deben afinar o seu marketing a través da innovación, ofrecendo produtos que garantan a fidelización dos visitantes. O concepto de futuro non é só a cidade patrimonial, senón a cidade creativa: esa que ademais do patrimonio tradicional, pode amosar a súa arquitectura contemporánea, a gastronomía, a moda, o deseño e outros aspectos da vida cultural que satisfagan a necesidade de achegamento do turista a novas experiencias e a culturas auténticas".

O programa do xoves

O segundo día de actividades do foro contará con atractivas intervencións sobre as posibilidades do turismo urbano, como a de Seren Welch, representante da oficina turística británica VisitBritain, que analizará a importancia da relación entre cine e turismo a través do impacto que a película ‘O Código da Vinci’ ven tendo en cidades como París ou Londres (16:00 h).

A sesión de tarde inclúe tamén o relatorio do recoñecido experto Josep Chías, titulado ‘Márketing Turístico de Cidades’ (18:30 h.) e o de Pep Palau sobre ‘Gastronomía e turismo’ (17:15 h.).

Pola mañá, o arquitecto Fernando Agrasar e o director do Museo da Historia de Barcelona, Antoni Nicolau, repasarán os temas de ‘Turismo e arquitectura contemporánea’ e ‘O papel dos museos na oferta dun destino’, respectivamente.

Compartir: