ALCALDÍA

O Consorcio e a Xunta crean o premio Chano Piñeiro para a promoción do patrimonio audiovisual galego no marco de Cineuropa

27/09/2006 O presidente do Consorcio e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Juan Fernando Salgado García, asinaron un convenio de colaboración que ten por obxectivo establecer as bases polas que se regulará a colaboración entre ambas institucións para a promoción do patrimonio audiovisual galego a través da plataforma que supón o festival "Cineuropa", na edición prevista para 2006.

O convenio tradúcese nunha serie de compromisos, entre os que salienta o deseño conxunto dunha sección denominada "Chano Piñeiro" dirixida á promoción do patrimonio audiovisual galego, no marco do festival Cineuropa. Así mesmo, o documento asinado recolle a creación dun premio bautizado co nome do cineasta galego, que será outorgado en acto público dentro dos eventos que conforman o ciclo de cine. Ámbalas dúas institucións definirán a natureza e contía do mencionado galardón, que quere ser un recoñecemento expreso a ese persoeiro, á súa figura e ó seu labor en prol da cinematografía galega.

Xosé A. Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio, co que o festival Cineuropa "dá un salto significativo". O acordo dá un pulo máis a un festival "moi consolidado e que foi gañando peso e prestixio en tódalas edicións". A este prestixio referiuse Fernando Salgado para xustificar a elección do certame compostelán para este premio e unha colaboración que pretender aínda medrar no futuro.

O Consorcio e a Xunta determinarán conxuntamente as actividades promocionais que se levarán a cabo tanto en Santiago como noutras cidades galegas para divulgar e dar a coñecer o audiovisual que se fai na nosa terra. Para a execución do convenio, a Secretaría Xeral de Comunicación realizará unha achega de 60.000 euros, como contribución á organización e para o "Galardón Chano Piñeiro".

Compartir: