MULLER

Compostela acollerá o Centro de recuperación integral para as mulleres vítimas da violencia de xénero

27/09/2006 As instalacións da Casa de Acollida de Santiago albergarán o Centro de recuperación integral para as mulleres vítimas da violencia de xénero, que coordinará as casas de acollida de toda Galicia. Así o anunciaron o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, tras unha reunión en Raxoi.

Sánchez Bugallo manifestou o seu "total apoio" á creación deste centro, que cualificou como "unha necesidade para Galicia". Neste mesmo sentido pronunciouse Carme Adán, quen sinalou que este centro "pretende ir máis alá das casas de acollida" e responde ás intencións da lei que regulará en breve este tipo de protección integral.

O novo centro, que dará servizo ás mulleres de toda Galicia, podería estar funcionando a comezos de 2008. Agora queda por estudar o proxecto técnico e por determinar se o Concello fará unha cesión de uso ou de titularidade da Casa de Acollida. En calquera caso, como apuntou o alcalde, "queda garantido que o centro permitirá unha mellor atención ás mulleres e unha optimización dos recursos".

Compartir: