ALCALDÍA

Uruguai interésase polo modelo de vivenda de Compostela

26/09/2006 O secretario xeral do Partido Socialista de Uruguai, Eduardo Fernández Arias, foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, co que falou do modelo de construción de vivenda social de Santiago. En particular, amosou interese polo funcionamento das empresas mixtas e polo sistema de expropiación dos solos.

A Constitución uruguaia non permite unha figura como a das empresas mixtas, polo que, de cara a posibles reformas da súa Carta Magna, os dirixentes deste país americano están a tomar nota dos modelos existentes. O obxectivo último é buscar unha maneira de construír vivenda para os sectores máis desfavorecidos.

Ademais desta cuestión, Sánchez Bugallo e Fernández Arias falaron das políticas de rehabilitación e mesmo da preocupación existente en Montevideo polos plans de ENCE para buscar unha nova ubicación á factoría existente neste país. Finalmente, falaron da situación dos emigrantes composteláns en Uruguai e dos naturais deste país en Santiago. Tamén participou no encontro a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez.

Compartir: