XUNTA DE GOBERNO

O Concello pon a disposición de Fomento os terreos para o cuarto xiro de Cornes

25/09/2006 Os terreos para a construción do chamado cuarto xiro de Cornes estarán en breve a disposición do Ministerio de Fomento, trala aprobación da cesión dos mesmos pola Xunta de Goberno local. Esta actuación aliviará a confluencia do tráfico na rotonda de Galuresa e posibilitará que os vehículos procedentes de Ourense poidan circular cara Conxo sen necesidade de circular pola Pontepedriña. O xiro dende a SC-II (Cornes-Castiñeiro) cara o novo acceso a Santiago da SC-20 (Cornes-Choupana), ten un custo estimado en 2,5 millóns de euros.

As obras deste vieiro realizaranse en coordinación coas obras de urbanización dos polígonos do SUP 2, que así tamén verá facilitadas as súas conexións. Esta actuación está recollida no convenio asinado en xuño de 2005 polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e pola ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, que actualizaba o asinado en 1995. O convenio contempla tamén o paso subterráneo entre Cornes e o Hórreo, a conexión entre a Avenida de Lugo e Pontepedriña (xa en funcionamento), a remodelación do enlace co polígono do Tambre e a ampliación do periférico. O investimento total previsto é de 25 millóns de euros.

Entre os acordos da Xunta de Goberno Local destaca tamén a aprobación dos convenios de colaboración entre o Concello e a Fundación Santiago Centro, a Agrupación de Comerciantes de Santiago (Acotés) e o Mercado de Abastos de Santiago, por un importe total de 60.000 euros. Este mesmo departamento deu conta da concesión pola Deputación da Coruña dunha subvención de 42.976 euros para o programa Compostela Activa 2006.

No capítulo de obras, aprobouse a contratación do subministro e da instalación de novo alumeado público en Reboredo, Igrexa, Tras-Igrexa e Portela, na parroquia de Villestro, un investimento de 26.145 euros. E en materia de seguridade, deuse o visto bo á adxudicación do subministro de 60 pistolas, fundas, cargadores e cartuchos para a Policía Local, por un importe de 36.888 euros.

Finalmente, deuse conta da sinatura do protocolo de compromisos entre o Concello e o SERGAS relativos ao convenio de cooperación para programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas. O acordo, por unha cantidade de 594.277 euros, permitirá dar continuidade aos programas e servizos xa existentes e implantar novas actividades asistenciais, de investigación e de coordinación. Ademais, fará que se manteñan os obxectivos de calidade nos servizos asistenciais de drogodependencias xestionados.

Compartir: