CULTURA

"jpg imaxe ou natureza", nova intervención na Zona C sobre a obra de Diego Vites

02/06/2015 A concelleira de Cultura en funcións, María Antón, inaugura este mércores, ás 19:00 horas, unha nova intervención na Zona C, jpg imaxe ou natureza, acompañada de dous dos protagonistas, Ania González e Pablo de Soto. Dirixido por Ania González, este proxecto é un despregue e unha análise no espazo expositivo da obra do artista Diego Vites en colaboración co traballo do investigador Pablo de Soto sobre a produción visual arredor do accidente da central nuclear de Fukushima.

Tras a inauguración, de 19:30 a 21:00 horas, haberá unha mesa redonda aberta e unha sesión de traballo público na que participarán Pablo de Soto, un dos protagonistas do proxecto; Federico López Silvestre, profesor na Facultade de Historia; Ania González, comisaria da intervención: Horacio González, licenciado en Belas Artes; e conexión telemática con Diego Vites, o outro protagonista do proxecto.

Diego Vites presenta un estudo iconográfico sobre a natureza da arte e a estética da natureza que explora e pon en xogo os límites da representación nunha montaxe visual que enfronta as imaxes de obras de arte que circulan en Internet coa representación visual da catástrofe natural. Punto de vista, composición e lugar de enunciación dunhas e outras imaxes achegan, postos en relación, novos datos sobre a conexión entre o modelo de mundo que produce a arte e aquel outro que como cristalización de certo exercicio de representación cremos percibir de forma máis obxectiva.

Imaxes de obras de artistas como Joe Rosenthal, William Turner, Fischli & Weiss, Robert Smithson, Peter Doig, Jeff Wall, Michelangelo Pistoletto, Maurizio Cattelan, Gordon Matta Clark ou Doris Salcedo e fotografías de xornalistas ou imaxes producidas pola tecnoloxía utilizada para a medición dos efectos de catástrofes coma o terremoto, o tsunami e o posterior accidente nuclear de Fukushima que en 2011 devastaron as costas de Xapón, actualizan a nosa percepción tanto do feito artístico como do feito histórico.

Compartir: