EMIGRACIÓN

Teresa Regúlez falou de regularizacións co ministro de Relacións Exteriores de Uruguai

25/09/2006 Na terceira e última xornada da súa visita a Uruguai, a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, reuniuse co ministro de Relacións Exteriores deste país, Reinaldo Gargano. Na xuntanza falouse de regularizacións e, en concreto, dos formularios presentados voluntariamente, pero fóra de prazo, por cidadáns uruguaios para a regularización da súa situación en España.

A resposta do Goberno español a esta cuestión aínda non se produciu, polo que o ministro comprometeuse ante a concelleira a facer xestións sobre este tema co propio Executivo español. Regúlez tamén conversou con Gargano respecto ao Tratado de 1870 entre Uruguai e España. Segundo indicou, o Goberno español solicitou o amparo do Tribunal Superior de Xustiza para que se pronuncie sobre as diferentes sentencias que algúns xuíces emitiron en diferentes comunidades autónomas, a propósito de facer valer este tratado para regularizar a súa situación en España.. "O que pediu o Goberno español é unha unificación de criterios nesta materia", informou Teresa Regúlez, quen advertiu a sentenza do Tribunal será "de obrigado cumprimento".

Ademais desta xuntanza, a concelleira continuou visitando santiagueses residentes en Montevideo, a efectos de enquisalos para o censo socio-económico impulsado polo Concello de Santiago. Regúlez resaltou que a realización deste censo abarca aspectos que van moito máis alá de coñecer simplemente o nome do enquisado. Tamén se averiguará, entre outros aspectos, onde vive, como vive e en que condicións; nivel de estudos, se é ou non propietario da súa vivenda e datos do seu grupo familiar.

Reiterou que cos resultados que se obteñan deste censo –que tamén se vén realizando de forma simultánea en Venezuela e Arxentina-, e que está previsto conclúa en Montevideo o 31 de outubro, a Concellaría de Emigración e Inmigración instrumentará políticas e actuacións a desenvolver o vindeiro ano a favor dos santiagueses residentes nestes países.

Compartir: