PROMOCIÓN ECONÓMICA

O alcalde de Santiago destaca o "momento óptimo" para que Galicia e América Latina establezan relacións e intercambios tecnolóxicos

25/09/2006 O Auditorio de Galicia acolleu a inauguración oficial da rolda de negocios que, ata o mércores 27, manterán representantes de empresas latinoamericanas con empresarios composteláns e do resto de Galicia. Neste encontro participan 22 empresas e entidades sectoriais de oito países latinoamericanos, así como outras 50 empresas compostelás e do resto de Galicia.

O obxectivo deste encontro é dobre: por un lado, dar a coñecer as empresas galegas na outra beira do Atlántico e, ao mesmo tempo, facilitar o investimento en Santiago de Compostela e no resto de Galicia de empresas de capital foráneo. Así o resaltou na inauguración do evento o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen indicou que "estamos nun momento óptimo para establecer relacións e intercambios tecnolóxicos".

Tamén interveu no acto o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manual Iglesias, que se resaltou o papel de Santiago como "gran centro de servizos institucionais e económicos de Galicia". Finalmente, a directora xeral de Promoción Industrial, Elena Veiguela, transmitiu o seu desexo de que o encontro "sirva para proporcionar coñecemento e confianza mutua". Tamén estiveron presentes no acto, entre outros, os cónsules en Galicia de varios dos países visitantes e representantes de cámaras de comercio, Universidade de Santiago e asociacións comerciais e empresariais da cidade e de Galicia.

Os dous primeiros días, o encontro está reservado para as empresas de Santiago, mentres que o día 27 ampliaras ao resto de Galicia. Trátase de transmitira cara ao exterior a imaxe de Santiago de Compostela coma un lugar óptimo para a realización de investimentos, polo seu crecente dinamismo empresarial e pola súa ubicación privilexiada no principal eixo de desenvolvemento da costa atlántica e na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Os sectores representados nesta rolda empresarial son aqueles con maior presenza no tecido económico de Santiago, coma o madeireiro, o turístico, a construción de vehículos industriais ou a carpintería metálica. Do mesmo xeito, deuse prioridade tamén á participación daquelas actividades recollidas no plan estratéxico da cidade como áreas d potencial desenvolvemento, como a biomédica ou as de novas tecnoloxías.

Compartir: