DEPORTES

Área Central acolle este sábado 30 de maio o Día do Deporte Solidario

28/05/2015 As instalacións de Area Central acollen este sábado 30 de maio o Día do Deporte Solidario, un evento que concentrará diversas exhibicións deportivas das entidades da cidade e comarca relacionadas co deporte. O fin é solidario, xa que durante a xornada, de 11:00 a 21:00 horas, poranse á venda rifas por valor dun euro e a recadación irá destinada integramente á Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela.

Deportistas de distintas disciplinas reuniranse mañá e tarde nos corredores interiores e na praza de Europa de Area Central nesta xornada, organizada polo establecemento Centro Deportivo, en colaboración co Concello de Santiago e Área Central. Haberá multitude de espazos con actividades nos que se celebrarán exhibicións dos clubs participantes. Os visitantes de Área Central tamén poderán participar en moitos dos espazos dos deportes ou coñecer máis de preto algún deles. Os detalles da xornada foron presentados en rolda de prensa polo concelleiro de Servizos Sociais e Deportes, en función, Manuel Varela, acompañado por representantes de Área Central e de Sarela.

Fútbol, baloncesto, xincana ciclista, patinaxe, hóckey, judo, karate, ximnasia rítmica, xogos de mesa, billar, tenis de mesa, chave, bolos, zumba ou ioga son só algunhas das actividades que encherán as instalacións de Área Central durante dez horas. Ademais, tamén se organizará unha andaina arredor do edificio de Área Central e unha carreira, sen necesidade de inscrición previa, polas rúas limítrofes a Área Central. O Día do Deporte Solidario completarse cunha exposición fotográfica da xornada, cun obradoiro de manualidades, con xogos populares en inglés e con inchables.

Esta xornada tamén servirá para que o público en xeral poida coñecer as diferentes actividades deportivas adaptadas ás necesidades dos membros de entidades como a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela ou a Asociación Aspas.

Ademais das exhibicións e espazos de deportes, os corredores contarán con stands de entidades da comarca relacionadas co deporte, ademais doutras entidades como a USC e o Colexio de Licenciados en Educación Física de Galicia. Tamén estarán presentes establecementos de Área Central vinculados ao deporte como Lucola Best Nutrition e Náutica Pérez.

As asociacións deportivas e entidades participantes son as seguintes: Agrupación Deportiva Baloncesto Fontiñas, Club Xadrez Gallaecia, Tenis de mesa Arteal, Club de Loita Stellae, Squash Santiago, Club Deportivo Fontiñas, Club Tenis Compostela, Judo Club Compostela, Club San Francisco Teo, Diver Patín, Special Olimpics Aspas, Active Service, Asociación de Xogadores de Chave de Santiago, Compostela Esgrima, Club Ximnasia Rítmica Viravolta, Xogo de Bolos de Boiro, Club Hóckey Compostela, Ximnasia Rítmica Compostela e Club Ximnasia Oroso.

Ademais de pola colaboración especial de Centro Deportivo, esta xornada tamén é posible grazas a entidades como Café Bar Aneca, Recreativos Iglesias, Axóuxere Animación e Deporte, Más Creativos, Mundo Activo, Mundo Juego, Fototemadixital, Recreativos El Niño Feliz, Jim Sports, Delegación Local da Federación Galega de Atletismo, Delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol, S.D. Compostela e A Casa das Linguas.

Documentos relacionados



Compartir: