TURISMO

As cidades Patrimonio promocionan a súa oferta turística en Xapón e Corea

26/05/2015 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España participa nunhas Xornadas Directas apoio á comercialización en Xapón e Corea que se desenvolverán ata este xoves 28 de maio, organizadas pola Oficina de Turismo de Turespaña da capital nipona e dirixidas a máis de 170 axencias e turoperadores e 380 axentes de viaxe de Osaka, Tokyo e Seúl.

O obxectivo é impulsar a imaxe das 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial no mercado asiático e dar a coñecer tanto a súa oferta imprescindible de Patrimonio e Cultura coma as súas principais novidades, centrándose nas preferencias do visitante destes países.

Durante anos anteriores, as Cidades Patrimonio realizaron iniciativas promocionais en cidades de Xapón, como Osaka, Nagoya, Fukuokaou ou Tokyo, froito do acordo con Madrid Destino-Concello de Madrid, ademais de numerosas viaxes de familiarización e prensa.

En canto a Corea, é a primeira vez que as Cidades Patrimonio participan presencialmente nunha acción neste país, un mercado con grandes expectativas de crecemento e que acaba de incrementar as súas conexións aéreas coa capital de España como porta de entrada, coas compañías aéreas Air Europa e Korean Air operando tres frecuencias semanais nunha ruta sen escalas.

As Xornadas están orientadas a axentes de viaxes e turoperadoresdestes dos dous países, que poderán coñecer de primeira man as Cidades Patrimonio a través das presentacións dun técnico do Grupo. Xunto ás Cidades Patrimonio está previsto que participen outras redes de destinos, rexións e comunidades autónomas, como Madrid, Sevilla, Andalucía, País Vasco, Málaga e Cidades AVE, ademais da cadea Meliá, ente outras empresas.

Mercado emisor de interese
Sen dúbida ningunha, trátase de dous mercados emisores de grande interese xeral para España, pero principalmente Xapón, prioritario para o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España ao ser a cultura a principal motivación dos seus cidadáns cando viaxan a Europa. De feito, tal e como se menciona no estudo de conxuntura elaborado por Turespaña de inverno 2014, do mercado xaponés "comeza a destacar no mercado a demanda por viaxar a cidades Patrimonio da Humanidade". Outro aspecto positivo deste mercado é a tendencia cara á desestacionalización, a pesar de que tende a evitar os meses máis calorosos.

Xapón, se ben sofre aínda certa inestabilidade económica, está a lograr reducir o índice de paro. Aínda que o emisor xaponés viviu varios anos de decrecemento, isto afortunadamente non afectou a España. Así, en 2014 viviuse un magnífico ano, cun incremento do 23,4%, ata alcanzar unha cifra global de 475.058 turistas nipóns segundo datos da Subdirección de Coñecemento e Estudos Turísticos.

España compite neste mercado con países mellor posicionados como Suíza, Alemaña ou Reino Unido. A carencia de conexións directas é un elemento fundamental que limita a nosa competitividade, a pesar de manter aínda certo halo de misterio. De novo, tal como se cita no estudo de Turespaña, "o interese pola historia, a arte ou a gastronomía seguen crecendo e España pódese beneficiar desta tendencia, pois percíbese ademais coma un país rico en historia e cultura, pero tamén dinámico, moderno e apaixonado".

En relación a Corea do Sur, trátase dun país cunha elevada densidade de poboación (49 millóns de habitantes para un territorio de 100.000 km2) e, segundo datos do Estudo de Mercado Emisor elaborado por Turespaña en 2012, concentra o seu poder emisor na capital, Seúl.

Francia, Alemaña, Reino Unido e Rusia son os destinos europeos máis demandados e a motivación á viaxe a Europa, á marxe das viaxes de negocios de grandes compañías de automoción, é a cultura e a historia. Teñen un nivel de gasto elevado e estanzas curtas. A ausencia de voos directos entre Corea e España dificulta a comercialización do destino, á marxe do propio descoñecemento dos coreanos sobre o noso país.

Se ben para viaxes a destinos de longa distancia óptase por axencias de viaxes, está a crecer o segmento de viaxes individuais, conformado por viaxeiros máis novos. Turespaña identifica un interese dos coreanos polas Cidades Patrimonio, así como pola arte, as tradicións e a historia.

Esta campaña promocional en Asia está incluída dentro do Plan Operativo de Turismo 2015 do Grupo, que aposta por manter a presenza internacional das 15 Cidades Patrimonio nas feiras máis importantes do mundo e da man de Turespaña, promover os seus destinos en mercados maduros para a rede, como os países europeos, Latinoamérica, ou países emerxentes como India e China.

Compartir: