CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán este venres un concerto na residencia de maiores de Volta do Castro

21/05/2015 Os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, este venres actuarán na residencia de maiores de Volta do Castro. A cita musical comezará ás 12:00 horas.

O grupo de cámara da Escola estará integrado nesta ocasión por seis alumnos: unha frautista, unha oboísta, un clarinetista, un trompista, unha violoncellista e unha percusionista. Achegarán aos residentes dúas obras: Serenade, do compositor húngaro de música clásica Ferenc Farkas, e Quinteto, do compositor danés Carl Nielsen.

A Escola repite experiencia no xeriátrico de Volta do Castro, posto que os seus alumnos xa teñen amenizado aos residentes coas súas interpretacións noutras ocasións. Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, "dende o centro estamos encantados de difundir a música de cámara entre públicos e colectivos que non teñen a ocasión de achegarse a ela de maneira habitual como ocorre coas persoas maiores e os dependentes. E este tipo de iniciativas representan ademais unha boa oportunidade para que os novos intérpretes toquen en espazos públicos".

Compartir: