CULTURA

Estrea absoluta de "Aire no Ar" no Teatro Principal dentro do ciclo Danza 2015

19/05/2015 María Move e Álvaro Reboredo son os protagonistas de AIREnoAR que se estrea este mércores 20 no Teatro Principal ás 20:30 horas, ofrecendo unha nova función á mesma hora o xoves 21. Coreografiada e dirixida por Rut Balbís, está dentro do ciclo Danza 2015. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas, así como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 8 euros e pode aplicárselle o desconto do bono Danza 2015, que é dun 25%.

Dúas persoas e unha corda vertical. Un espazo que respira, o Ar. Dúas linguaxes expresivas. Inquedos, activos e polifacéticos intérpretes e creadores, María Move e Álvaro Reboredo son protagonistas desta coreografía de Rut Balbís que terá a súa estrea absoluta no Teatro Principal.

A escena convértese no medio onde corpo e voz, o físico e o emocional representan a dualidade do ser humano. AIREnoAR fala de encontro e desencontro. Habilidades e destrezas loitan nunha relación de busca do entendemento para chegar á harmonía. O espectador é partícipe da creación in-situ do espazo sonoro. AIREnoAR é poesía, beleza, equilibrio.

Bono Danza 2015
Este bono entrégase gratuitamente coa compra dunha localidade para calquera dos espectáculos incluídos no catálogo Danza 2015 e dá dereito a un desconto do 25% na compra da entrada (máximo de 1 entrada por espectáculo) para o resto das representacións do catálogo. O desconto do 25% no prezo da entrada poderá facerse efectivo mostrando este bono e o DNI no despacho de billetes do Teatro Principal (18:00-21:00 h, de martes a sábado) e na Zona C e no Salón Teatro os días de espectáculo. Este bono é persoal e intransferible. Non acumulable a outros descontos.

Compartir: