FACENDA

Os propietarios de case 71.000 inmobles están chamados a pagar o IBI

22/09/2006 Vén de iniciarse o período voluntario de cobro das débedas tributarias correspondentes aos padróns do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE). O concelleiro de Facenda, Xaquín Fernández Leiceaga presentou esta campaña de pagamento, cuxo prazo rematará o 20 de novembro. Un total de 70.976 inmobles están chamados a tributar.

O incremento no número de inmobles respecto ao pasado ano foi do 2,28% e a recadación prevista será de 17,82 millóns de euros, un 6,6% máis que en 2005. Ademais da cantidade de inmobles, medrou o un 4% o importe medio dos recibos, ata situarse no s 250 euros. Segundo Fernández Leiceaga, "esta suba susténtase en tres factores: novos inmobles, que teñen un valor máis elevado; o progreso da base liquidable e a baixada do tipo aplicable ao IBI (0,6)".

Entre os usos dos inmobles segue a destacar o residencial, con 47.062 respecto ao total, que pagarán un recibo medio de 228 euros, un 2,6% máis que o pasado ano. O número de vivendas medrou un 2,7% e mantense a tendencia ao incremento dunhas 1.300 vivendas cada ano.

O concelleiro recordou tamén o capítulo de exencións e bonificacións. Das primeiras benefícianse 414 inmobles, entre os que destacan as 110 igrexas. Por todos estes inmobles, as arcas municipais deixan de ingresar preto dun millón de euros. As bonificacións afectan a 4.000 inmobles (un 6% do conxunto do Padrón), con tres grupos principais: as vivendas da zona rural por déficit de servizos, que pagan uns 50 euros menos de media por recibo; as pertencentes a familias numerosas, que pagan 102 euros menos; e as vivendas protexidas, que teñen unha redución media de 118 euros.

Domiciliación bancaria

Fernández Leiceaga fixo un chamamento a que "non se deixe para última hora" o pago e animou aos contribuíntes a domiciliar os seus recibos. Na actualidade xa hai preto de 27.00 recibos domiciliados, preto dun 40% respecto ao total. Ademais, recordoulle aos cidadáns que se non reciben o seu recibo ou teñen algún outro problema, poden dirixirse á Oficina de Atención ao Contribuínte, situada en Galeras.

O ingreso poderá facerse, presentando o correspondente recibo, nas contas de recadación das seguintes entidades: Caixa Galicia, Caixa Nova, Banco Bilbao-Vizcaya Argentaria, Banco Pastor, Banco Santander Central Hispano, La Caixa e Banesto. Outra das opcións é a través da Caixa da Recadación, situada na Rúa Presidente Salvador Allende nº 4-baixo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Finalmente, os que o desexen poden pagar o seu recibo a través dos caixeiros das entidades colaboradoras que dispoñan deste servicio, e a través de internet, nesta páxina web.

Transcorrido o prazo sinalado, as débedas pendentes esixiranse pola vía de constrinximento e devengarán o recargo de apremio, os xuros de mora e as custas que se produzan. Non obstante, o pago voluntario o pasado ano superou o 90% e agárdase incrementar esta cifra nesta campaña.

Respecto ao Imposto de Actividades Económicas (IAE), obsérvase unha estabilización no número de contribuíntes, tralo impulso recibido en 2005. A recadación incrementarase un 1,3% e o recibo medio subirá só o 0,32%.

Compartir: