CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen un concerto no Paraninfo da USC

18/05/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa A Escola na Cidade, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, este luns 18 de maio, ás 20:00 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará a violinista Sara Cabezas, que interpretará o Concerto para violín nº 4 de Mozart e o Concerto para violín en Re maior de Beethoven, acompañada da pianista Simona Velikova.

A continuación, a frautista Virginia Suárez tocará a Sonata en Mi maior de Bach e Ballade para frauta e piano do compositor suízo Frank Martin, acompañada da pianista Haruna Takebe. O broche final desta cita musical porao a violinista Isabel López, que achegará ao público o Concerto para violín en Mi maior de Felix Mendelssohn xunto coa pianista Simona Velikova.

Este ciclo de concertos de A Escola na Cidade continuará o martes 19 e o mércores 20, con actuacións tamén no Paraninfo da Universidade de Santiago, protagonizadas por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.

Compartir: