CENTROS SOCIOCULTURAIS

"Imos de excursión 2015" programa unha visita a Cortegada e Cambados

18/05/2015 A Concellería de Cultura continúa co calendario de actividades dos centros socioculturais. Desta vez, no marco do programa Imos de excursión 2015, organízase unha visita á illa atlántica de Cortegada e a Cambados o domingo 14 de xuño.

Esta viaxe permitirá coñecer parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, en concreto a illa de Cortegada, afondando nos seus ecosistemas, flora e fauna, historia e lendas. Os excursionistas embarcarán no porto de Carril en pequenos grupos para trasladarse á Illa. Alí coñecerán, da man dun guía, as rutas dos sendeiros acondicionados, visitando o maior bosque de loureiros do Sur de Europa e coñecendo ademais a súa historia, as orixes da aldea, a súa posterior doazón ao rei Alfonso XIII e a súa actual recuperación para dominio público.

Ao mediodía finalizarase a actividade cun xantar que cadaquén debe levar da casa xunto coa bebida, posto que na Illa non hai establecementos de restauración.

Pola tarde realizarase unha visita á vila histórica de Cambados, moi recoñecida polo seu conxunto histórico, que foi declarado Ben de Interese Cultural. É un dos mellor restaurados de Galicia. O patrimonio cambadés loce pazos e casas nobres, esculturas deseñadas por grandes artistas e pezas de arte popular e prazas e rúas empedradas.

Os interesados en participar poden inscribirse a partir das 17:00 horas deste martes 19 de maio nos centros socioculturais. O prezo da excursión é de 25 euros por persoa.

Polas características da actividade, esta podería ser aprazada en caso de mal tempo. Os horarios de visita da Illa poden sufrir variacións en función das mareas.

Documentos relacionados



Compartir: