EDUCACIÓN

Grande éxito de participación no X Certame de Danza Intercentros

17/05/2015 A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia completou o seu aforo durante a celebración do X Certame de Danza Intercentros, celebrado este domingo. O éxito foi tal que, durante os 120 minutos que durou o espectáculo, o público, de todas as idades, non se moveu do seu asento.

Ao longo do festival, 229 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria dos colexios C. San Xosé de Cluny, CEIP Pío XII, CEIP López Ferreiro,CEIP Arquitecto Casas Novoa, IES Arcebispo Xelmírez I e IES Rosalía de Castro realizaron 16 coreografías de diferentes estilos de danza amosando ás súas familias e ao resto do auditorio todo o aprendido ao longo do curso escolar nas actividades extraescolares de danza nas que participaron.

O alumnado do Colexio San José de Cluny deleitou ao público con actuacións de danza clásica, neoclásica e moderna; os alumnos e alumnas do CEIP Pío XII fixérono con danza clásica, contemporánea, moderna e moderna teatral; os nenos e nenas do CEIP López Ferreiro interpretaron danza clásica e moderna, os do CEIP Arquitecto Casas Novoa e do IES Arcebispo Xelmírez, danza moderna; e o alumnado do IES Rosalía de Castro, danza clásica e moderna.

Este certame ten como obxectivo seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar en moitos centros de ensino da cidade. Logo de dez edicións son moitos os alumnos e alumnas dos centros escolares de infantil, primaria e secundaria que participaron nesta actividade de promoción da danza.

Direcciones relacionadas



Compartir: