EDUCACIÓN

Máis de 200 escolares amosarán o traballo do curso no X Festival de Danza Intercentros

15/05/2015 A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle este domingo, a partir das 19:00 horas, a décima edición do Certame de Danza Intercentros, no que 229 alumnos e alumnas de infantil, primaria e secundaria, inscritos nas actividades extraescolares de danza dos colexios C. San Xosé de Cluny, CEIP Pío XII, CEIP López Ferreiro, CEIP Arquitecto Casas Novoa, IES Arcebispo Xelmírez I e IES Rosalía de Castro deleitaran ao público con 16 pezas de danza de diferentes estilos coma danza clásica, baile moderno, moderno teatral, contemporáneo ou neoclásico.

O obxectivo deste certame é seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar en moitos centros de ensino da cidade, ao tempo que se ofrece a posibilidade aos pequenos bailaríns de actuar nun escenario de verdade, con público, onde amosaran ante as súas familias o traballo e o esforzo realizado ao longo deste curso.

Para poder asistir é preciso estar en posesión dunha das máis de 1.100 invitacións que dende a organización se están a entregar aos familiares dos participantes.

O espectáculo abrirase coa representación de Rapunzel, seguida de Variación do Crebanoces, A bela durminte, Salvaxe Oeste, Mary Poppins, Chandeliaer, Túnel do tempo, O último baile, Liñas aéreas, Life, Espertando a esperanza, Malala, O caderno, Grease, Negra sombra e Flow.

Compartir: