TURISMO

Santiago acollerá o Festival de Patchwork de Galicia os días 5 e 6 de xuño

15/05/2015 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a presidenta da Asociación Galega de Patchwork Centón, Alfonsina Uriburu, presentaron a sexta edición do Festival de Patchwork de Galicia, que se celebrara en Área Central os días 5 e 6 de xuño. O festival, que terá lugar por segundo ano consecutivo en Santiago, está organizado pola Asociación Galega de Patchwork. O obxectivo do evento é dinamizar o crecente sector do patchwork en Galicia.

O patchwork é a arte de unir teas de diferentes cores e tamaños empregando múltiples técnicas para facer, cuns deseños únicos, manteis, tapices, cestas, caixas... No Festival participarán expositores comerciais de toda Galicia. Pero ademais, o programa inclúe diferentes actividades, como demostracións e clases gratuítas para nenos, así como conferencias para emprendedores do sector das manualidades.

O Festival inclúe un concurso de patchworh dirixido aos artesáns con diferentes categorías: Absoluto, Popular, Experta, Revelación, Colectivo, Contemporáneo e Tradicional. O público poderá ver todas as creacións participantes no propio centro comercial os días do evento. Tamén poderá ver unha mostra das artistas contemporáneas españolas, Merce e Cecilia Gonzales Desedamás, Paz Giral, Lilian Pilar e Juana Castañeda.

O Festival inclúe clases con dúas das profesoras máis destacadas de España: Juana Castañeda, que gañou este mesmo ano o Premio Absoluto en Sitges 2015 cunha clase titulada "Coloreando con hilos", e a profesora Lilian Pilar, gañadora tamén este mesmo ano en Loeches no premio a mellor creación contemporánea, cunha clase sobre "Picture Piecing".

Compartir: