XUNTA DE GOBERNO

Concello, IGVS e Área Empresarial do Tambre colaborarán na captación e asentamento de proxectos empresariais

15/05/2015 A Xunta de Goberno aprobou o texto dun acordo a subscribir entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), o Concello de Santiago e a Asociación Área Empresarial do Tambre para a promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento empresarial en Santiago de Compostela.

O acordo busca establecer un marco que permita desenvolver actuacións conxuntas no eido da planificación e desenvolvemento de infraestruturas produtivas, formulando propostas para a priorización de fins e o axeitado aproveitamento dos recursos na área empresarial da zona norte da cidade, no ámbito das superficies empresariais da Sionlla, da Costa Vella e do Tambre.

O traballo conxunto trata de coordinar esforzos e aproveitar sinerxias para a optimización dos recursos. Así, cando se considere oportuno, implicaríase ao persoal e estruturas propias, así como a colaboradores externos, de ser necesario.

Para garantir a coordinación prevese a creación dunha comisión integrada por un representante de cada unha das partes asinantes, que se encargará da proposición de accións e do seu desenvolvemento, da análise da situación en relación con outros territorios e da avaliación dos resultados das accións executadas. Esta comisión poderá contar coa participación de expertos na materia ou nas accións que se propoñan, con voz e sen voto na toma de decisións a acordar.

As partes participarán na promoción e difusión das actividades e dos resultado obtidos, mediante as publicacións correspondentes nas súas páxinas web e demais medios de comunicación.

O acordo terá unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2015, contemplando a súa prórroga mediante acordo expreso e escrito das partes asinantes.

Avaliación ambiental do PERI de Conxo
Na mesma sesión da Xunta de Goberno acordouse remitirlle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia a solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada da modificación do PERI de Conxo de Arriba no ámbito da Área de Execución Integral-E (AEI-E), xunto co documento ambiental e o borrador do Plan.

A modificación proposta afecta á citada AEI-E, que ten unha superficie total de 5.876 metros cadrados. Trata de potenciar a interrelación entre o SUP-4 de Conxo e o SUNP-16 de Volta do Castro, propoñendo, entre outros aspectos, a recuperación do paso entre a travesa de Conxo de Abaixo e Conxo de Arriba, así como a recuperación da zona verde entre a rúa Feliciano Barrera e Conxo de Arriba, gañando presenza o peón en detrimento do tráfico rodado.

A nova ordenación que se propón deberá concretarse no documento que se someterá a aprobación inicial, logo de que se obteña a resolución do órgano ambiental autonómico.

Documentos relacionados



Compartir: