FESTAS

Milleiros de persoas presenciaron no Recinto Feiral Amio os concursos e exhibicións da Feira Cabalar da Ascensión

14/05/2015 O Recinto Feiral de Amio acolleu unha nova edición da tradicional Feira Cabalar da Ascensión. O evento reuniu milleiros de persoas para presenciar os concursos e exhibicións.

A Feira Cabalar, promovida pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego coa colaboración do Concello de Santiago, arrancou co concurso Morfolóxico Oficial de cabalos e eguas de pura raza galega, puntuable para a XV Copa Galicia Pura Raza Galega. O gañador recibiu o Gran Premio Dragóns de Santiago.

Logo celebrouse o Concurso Tradicional de Andadura Galega nas súas dúas modalidades, serrada (a dous tempos) e chapeada (catro tempos), probas puntuables para o XVIII Campionato Galego. Xinetes chegados das catro provincias participaron nesta quinta proba do torneo autonómico.

Espectáculos de doma
Como novidade este ano, o público puido presenciar nesta tradicional Feira Cabalar de Santiago dous espectáculos de doma chegados por primeira vez a Galicia. Procedente de León e a cargo do Centro Ecuestre "Mirantes", o domador Manuel Mirantes presentou o seu espectáculo de doma de alta escola, doma á vaqueira, carrusel con cintas, doma en liberdade e traballos con ponis. O punto forte deste espectáculo son os exercicios de garrocha e volteo.

Pola súa parte, a sección de doma de alta escola de Galicia presentou o seu "Camiño de Compostela", que por primeira vez na historia da raza cabalar galega trouxo á pista de exhibicións un carrusel de doma clásica realizado integramente con cabalos de pura raza galega baixo a dirección do xinete Jesús Riveiro.

Compartir: