CULTURA

O parisiense Alexandre Tharaud clausura o VII Ciclo de Piano Ángel Brage

13/05/2015 O pianista parisiense Alexandre Tharaud, ao que teremos por vez primeira en Santiago, clausura o VII Ciclo de Piano Ángel Brage. Será este xoves 14 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, nun concerto enmarcado tamén dentro do Programa de Abono do Auditorio. As entradas para Tharaud teñen un prezo de 12 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou o propio día do concerto no Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Descuberto polo gran público na película Amour, de Michael Haneke, na que se interpreta a si mesmo, o pianista parisiense Alexandre Tharaud debuta na nosa cidade cun recital de composicións para piano de Mozart pouco interpretadas, e singulares obras de dous autores franceses: as tres primeiras Gnossienes de Erik Satie (breves pezas cuxa denominación ofrece diferentes lecturas) e Miroirs, suite pianística en cinco partes de Maurice Ravel.

Ciclo de Piano Ángel Brage
Antes ca Alexandre Tharaud, nesta sétima edición do ciclo puidemos escoitar a Lars Vogt en marzo e a Herbert Schuch no mes de abril.

O Ciclo de piano Ángel Brage nace no ano 2008, dentro da programación de abono do Auditorio de Galicia, para homenaxear no 25º aniversario do seu falecemento a este pianista e mestre de varias xeracións de músicos composteláns. Polo escenario do Auditorio de Galicia xa teñen pasado algúns dos máis grandes pianistas da actualidade, como Olli Mustonen, Arcadi Volodos, Christian Zacharias, Krystian Zimmerman, Aldo Ciccolini, Paul Lewis, Leif Ove Andsnes, Emanuel Ax, Andrea Lucchesini, David Kadouch, Cédric Tiberghien ou Andrea Bacchetti.

Compartir: