EMIGRACIÓN

Os residentes composteláns de Uruguai transmítenlle as súas inquedanzas á Teresa Regúlez

22/09/2006 A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, atópase en Uruguai. Alí está mantendo xuntanzas con diversos colectivos de emigrantes cara o coñecer a súa situación e adoptar medidas que permitan mellorar as súas condicións de vida neste país.

Regúlez reuniuse con integrantes do Grupo Solidario Ibiray, integrado por ex presos políticos da pasada ditadura militar uruguaia. Este colectivo aspira a contar proximamente cunha casa e cun predio para ex presos políticos desta ditadura que tiveran estado exiliados e que hoxe padezan carencias económicas e de saúde graves.

Nesta iniciativa están involucrados o Goberno español e a Alcaldía de Montevideo, e gardan contar coa participación de diferentes comunidades autónomas. De feito, a concelleira falou da necesidade de facer partícipes desta idea a Galicia, País Vasco, Asturias, Cataluña, Estremadura e Andalucía, por ser a maioría dos ex presos uruguaios descendendes de españois oriúndos destas comunidades.

A seguinte etapa da súa viaxe, o xoves 21, levou a Teresa Regúlez ata o Fogar Español e a visitar nos seus domicilios aos santiagueses residentes en Montevideo, moitos dos cales reciben un apoio económico do propio Concello para a súa manutención.

Todos os residentes en Uruguai están sendo recollidos nun censo socio-económico que se tamén financia dende Raxoi. Nos tres días de estancia en Uruguai, a concelleira ten previsto visitar un total de 30 fogares de santiagueses, dos arredor de 700 que viven neste país.

Das visitas xa realizadas, Regúlez quedou cunha "impresión bastante boa", xa que unicamente lle manifestaron queixas anecdóticas e puntuais, como o desexo de recibir en mellores condicións e horarios a televisión autonómica. Non obstante, lembrou que os preto de 100 santiagueses que faltan por enquisar aínda, viven en zonas de Montevideo de condicións económicas desfavorables de Montevideo. Os resultados deste censo, que finalizará o 31 de outubro, determinará as actuacións que desenvolverá en Uruguai a Concellaría de Emigración e Inmigración.

A xornada da concelleira concluíu cunha entrevista co ministro de Relacións Exteriores de Uruguai, Reinaldo Gargano.

Compartir: