ALCALDÍA

Agustín Hernández recibiu os membros da Fundación Inade e os galardoados nos Premios Galicia Segura

13/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu en Raxoi os integrantes do Padroado da Fundación Inade (Instituto Atlántico do Seguro), con motivo do Día Mundial do Seguro (14 de maio). Tamén participaron no acto o xurado e os galardoados nunha nova edición dos Premios Galicia Segura, que destacan os valores profesionais de organizacións, institucións, empresas ou profesionais pola súa dedicación ao risco e ao seguro a nivel nacional e internacional.

Hernández felicitou os galardoados e valorou o labor dos membros da Fundación, que engloba a boa parte das empresas aseguradoras máis importantes de España. "Todos somos conscientes da función e da utilidade que os seguros representan na nosa sociedade e da súa crecente influencia no desenvolvemento de todo tipo de actividades", indicou, porque "os seguros acompáñannos ao longo das nosas vidas, dende o nacemento ata o deceso, termo precisamente moi vinculado ao mundo do seguro".

Aplicado este sector ao mundo da política e ao actual momento electoral, o alcalde apuntou que "hai moitas actividades que teñen pouca marxe de seguridade e unha delas é a política, onde un está sempre exposto, en último extremo, á vontade da cidadanía".

Premios Galicia Segura
Os galardoados nesta edición dos Premios Galicia Segura foron: Llerandi Consultores, na categoría de Mediación; FIATC, Mutua de Seguros e Reaseguros a Prima Fixa, na modalidade de Asegurador; Comisión de Expertos para a Reforma do Baremo de Automóbiles, en recoñecemento ao Progreso e Desenvolvemento do Seguro; José María Elguero Merino, como autor da mellor Investigación Aseguradora; e José Luis Martínez Olivares, na categoría de Dirección.

Nun acto celebrado posteriormente no Paraninfo da Universidade, todos os premiados recibiron un diploma acreditativo e unha medalla formada polo escudo de Galicia coa inscrición "14 de maio de 1908", data da promulgación da primeira Lei do Seguro en España. No reverso figura inscrito "Premios Galicia Segura". No cordón da medalla, de cores azul e branco, fíxanse os escudos das catro provincias galegas.

Compartir: