EDUCACIÓN

O Auditorio de Galicia acolle este domingo o X Certame de Danza Intercentros

12/05/2015 Este domingo, a partir das 19:00 horas, celebrarase na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia a décima edición do Certame de danza Intercentros, que esta mañá foi presentado pola concelleira de Educación, Maite Cancelo. O evento, enmarcado no programa Compostela en Danza, está promovido polo Concello de Santiago en colaboración con diferentes centros de ensino do municipio.

O obxectivo deste certame é seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar en moitos centros de ensino da cidade. Logo de dez edicións son moitos os alumnos e alumnas dos centros escolares de infantil, primaria e secundaria que participan nesta actividade de promoción da danza. Así, Maite Cancelo destacou que se trata dunha gran oportunidade para que as familias poidan coñecer o traballo realizado polos nenos e nenas durante o curso.

Nesta edición actuarán máis de 229 bailaríns, alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e secundaria inscritos nas actividades de danza extraescolares dos centros C. San Xosé de Cluny, CEIP Pío XII, CEIP López Ferreiro, CEIP Arquitecto Casas Novoa, IES Arcebispo Xelmírez I e IES Rosalía de Castro, que deleitarán aos asistentes coas súas actuacións, froito do esforzo e o traballo realizados ao longo de todo o curso.

Para poder asistir é preciso estar en posesión dunha das máis de 1.100 invitacións que dende a organización están a entregar aos familiares dos participantes.

O espectáculo contará con 16 actuacións de diferentes estilos coma a danza clásica, baile moderno, moderno teatral, contemporáneo ou neoclásico.

Documentos relacionados



Compartir: