DEPORTES

Dous mil corredores percorreron as principais rúas da cidade na exitosa primeira edición da carreira nocturna SantYaGo10K

09/05/2015 A primeira edición carreira nocturna SantYaGo10K foi todo un éxito, con máis de 2.000 corredores percorrendo as principais rúas do Casco Histórico e do centro da cidade, para rematar na praza do Obradoiros. Entre os participantes non faltou o alcalde, Agustín Hernández, un habitual das probas atléticas da cidade.

Lolo Penas foi o gañador da proba, seguido de David Santos e Christian Díaz. Na categoría feminina, a primeira en chegar á meta foi Ana Domínguez, mentres que Alba Baamonde e Nuria Pérez chegaron en segundo e terceiro lugar, respectivamente.

A carreira, de dez quilómetros, consistiu en dúas voltas a un percorrido que discorreu por rúas como Fonseca, a Alameda, Virxe da Cerca ou Praterías, tocando rúas da zona nova como Xoán Carlos I, Rosalía de Castro ou Montero Ríos, para volver á zona vella ata a meta da praza do Obradoiro. Era un circuíto practicamente chan, sen grandes dificultades.

SantYaGo10K tivo tamén unha vocación solidaria, para amosar así o espírito social e colaborativo dos afeccionados ao running. Todos os participantes na carreira puideron entregar alimentos non perecedoiros no momento de recoller o seu dorsal. Os alimentos recollidos doaranse ao Albergue Xoán XXIII, proxecto social da Orde dos Franciscanos en Santiago.

Compartir: