CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural das Fontiñas acolle ata o 20 de maio a exposición "Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía"

08/05/2015 Ata o vindeiro 20 de maio, o Centro Sociocultural das Fontiñas acolle a exposición fotográfica Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía, organizada pola Asociación Cultural Fotoforum de Compostela.

Esta mostra, que xa fora inaugurada no ano 2014 na Casa do Cabido de Santiago, está conformada por 51 fotografías datadas entre 1839 e 1930, nas que 39 fotógrafos da Asociación fan unha reprodución actualizada da fotografía clásica.

Na exposición contemplarase o traballo de grandes mestres coma André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham ou Jacques Heri Lartigue, entre outros.

A mostra intenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso, polo que cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se reproduce a menor tamaño a imaxe orixinal que se tomou como modelo, xunto cos datos do seu autor, datas e referencia biográfica, alén dos datos do autor da peza actual.

A exposición tamén poderá visitarse entre o 23 de maio e o 5 de xuño no Centro Sociocultural de Conxo e entre o 9 e o 29 de xuño no Centro Sociocultural do Ensanche.

Fotoforum
A Asociación Cultural Fotoforum Compostela naceu no ano 2011 cando un conxunto de fotógrafos, co patrocinio da USC e do CGAC, decidiron xuntarse mensualmente nun fotoforum, como espazo de divulgación, estudo e debate arredor da fotografía. A primeira exposición colectiva da asociación tivo lugar no 2013.

Está presidida por Fuco Reyes e outros fotógrafos da cidade que, cun espírito activo e colaboración e aprendizaxe, amosarán o seu traballo estes próximos meses no entorno dos centros socioculturais.

Compartir: