CULTURA

Ángel Martín & Ricardo Castella presentan "Love Pain Love" dentro de Falabaratos

07/05/2015 Ángel Martín e Ricardo Castella presentan en Falabaratos o seu espectáculo Love Pain Love. Será este venres 8 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. As entradas teñen un prezo de 17 euros (12 no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Ángel Martín e Ricardo Castella escribiron unha película para Hollywood acerca de que amar, ás veces, escoce. E estana axustando en teatros antes de chamar a Bandeiras, Pe e Bardem para que lles vaian pasando teléfonos e todo iso. Ángel Martín e Ricardo Castella regresan aos escenarios co seu segundo espectáculo tras o éxito de Nunca es tarde, o seu primeiro espectáculo, unha serie de TV para teatro que viron máis de 150.000 espectadores ao longo de tres anos de xira ininterrompida polos mellores teatros: Compaq Gran Vía, Lara (Madrid), Coliseum (Barcelona), Euskalduna (Bilbao), Olympia, Flumen (Valencia), Alameda (Málaga)...

Este espectáculo supón un novo salto ao baleiro: sen a penas nada sobre o escenario, con tan só dúas persoas e instrumentos, fan que o espectador imaxine unha película musical, cambios de localización e de escena incluídos, mentres ao mesmo tempo tocan e cantan a banda sonora completa. Con cancións orixinais e facendo livelooping: gravando en directo bucles e tocando en vivo sobre elas, sen ningunha música pregravada.

A Ryan acaban de deixalo. Por novena vez. Para romper esta mala racha e recuperar a fe no amor ten un plan: namorar a unha moza e romperlle o corazón. Ou sexa, esta vez ser el o que deixe. Pero non pode ser unha moza rara. Porque el sempre se namora das raras. E entón coñece a Natalie, á que acaban de deixar tamén. Por novena vez. E que cre que todo se debe a unha maldición. Si, Natalie é un pouco rara.

Love Pain Love podería ser a próxima comedia romántica que nos chegase de Hollywood: dacabalo entre Nova York e un hotel a unhas horas de viaxe da Gran Mazá (en certo xeito é unha road movie tamén) fala do difícil que é namorarse cando xa che romperon o corazón.

O espectáculo é un minimusical sobre o medo que todos compartimos: o medo a que nos fagan dano. Love Pain Love é unha comedia acerca de que o amor é precioso e que che rompan o corazón xa nin vos conto.

Compartir: