CULTURA

Aporía Escénica presenta "30 e tantos ósos" dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

05/05/2015 A compañía pontevedresa Aporía Escénica presenta, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, 30 e tantos ósos, a partir de textos e materiais de creación colectiva. Será este mércores 6 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. As entradas teñen un prezo de 10 euros, ou de 7 se se adquiren co Bono. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou na páxina web entradas.abanca.com.

30 e tantos ósos é unha viaxe de catro mulleres de 30 e tantos anos que, cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba, para chegar os seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe.

A peza está estruturada en cinco cadros que pretenden facer un percorrido metafórico por toda unha vida para poder atopar as chaves que nos permitan desfacernos de todos os medos, condicionantes e ataduras sociais que nos impiden expresarnos con liberdade, recuperar o noso potencial máis vital e salvaxe, desterrar a obediencia e a submisión facendo fincapé naquelas ataduras que arrastramos polo feito de ter nacido mulleres nunha sociedade patriarcal ata a medula.

Trátase de volver a mirada atrás, ao faiado (como Kantor volvía á súa clase da infancia), ese lugar onde se perde a noción do tempo pola encrucillada de épocas e xeracións que o constrúen, e se amorean os obxectos de toda unha vida ateigados de lembranzas para, unha vez alí, observalos, removelos, quitarlles o po, confrontarse con eles e pedirlles que falen daquilo que viviron e presenciaron, e nos digan a verdade con crueza, dende o silencio no que habitan, para provocar unha catarse que nos conduza do fondo á superficie e nos manteña espertas, dispostas, preparadas para a loita que é sempre eterna.

A compañía
Aporía é unha compañía emerxente que busca explorar o universo da muller e encontrar a súa propia linguaxe artística por medio da hibridación de tipoloxías escénicas que favorezan a potencia plástica dos corpos e os obxectos, empregando o xogo e o humor, sen esquecer a palabra e a poesía.

Compartir: