PROMOCIÓN ECONÓMICA

Representantes de oito países latinoamericanos participarán nunha rolda de negocios con empresarios composteláns e galegos

21/09/2006 Santiago de Compostela acollerá entre o luns 25 e o mércores 27 de setembro unha rolda de negocios na que participarán representantes de empresas galegas e latinoamericanas. Os dous primeiros días o encontro estará reservado para as empresas de Santiago, mentres que o día 27 ampliarase ao resto de Galicia.

O obxectivo é dar á coñecer o investimento en Santiago de Compostela e no resto da Comunidade Autónoma de empresas de capital foráneo, en especial as procedentes de estados cos que mantemos especiais vínculos de relación a todos os niveis, como son os países do outro lado do Atlántico.

Desde a Concellaría de Promoción Económica preténdese transmitir cara ao exterior a imaxe de Santiago de Compostela como un lugar óptimo para a realización de investimentos, polo seu crecente dinamismo empresarial e pola súa ubicación privilexiada no principal eixe de desenvolvemento da costa atlántica e na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Ademais, a importante dotación de solo industrial que se contempla no PXOM do Concello, recentemente aprobado pola corporación municipal, e o potencial investigador da Universidade son tamén elementos decisivos á hora de atraer investimento externo cara á cidade. Tamén se busca aproveitar o prestixio do que goza a cidade en ámbitos coma o cultural, o institucional, o turístico e o social, para acadar tamén a consolidación de Compostela como centro económico e industrial de referencia.

Para esta rolda empresarial está xa confirmada a presenza de máis dunha vintena de sociedades procedentes de oito países latinoamericanos (Arxentina, Chile, Ecuador, Guatemala, México, Paraguai, Uruguai e Venezuela). Trátase de empresas cunha consolidada traxectoria nas súas diferentes áreas de negocio, e cun volume de facturación e de persoal que as converte en referencia nos seus respectivos sectores de actividade.

Os sectores representados nesta rolda empresarial son aqueles con maior presenza no tecido económico de Santiago, coma o madeireiro, o turístico, a construción de vehículos industriais ou a carpintería metálica, é dicir, aqueles que compoñen a base produtiva da cidade. Do mesmo xeito, deuse prioridade tamén á participación daquelas actividades recollidas no plan estratéxico da cidade como áreas de potencial desenvolvemento, como a biomédica ou as de novas tecnoloxías.

Conversas bilaterais

As xornadas inclúen múltiples actividades, desde relatorios ata comidas de traballo, pasando por visitas aos polígonos industriais da cidade e ao Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da Universidade de Santiago (CITT). Especial relevancia terán os encontros bilaterais previstos entre empresarios latinoamericanos e composteláns, organizados en función das súas respectivas áreas de negocio, co fin de acadar compromisos reais de traballo en común. Cada empresa visitante terá establecida unha axenda para conversar con empresas compostelás e galegas do seu mesmo sector, de cara a establecer posibles acordos de negocio.

A Concellaría de Promoción Económica mantén aberta a inscrición para que aquelas empresas da cidade que queiran participar no encontro se poñan en contacto con este departamento do Concello, de cara á súa inclusión como interlocutores na axenda das empresas visitantes.

Compartir: