ALCALDÍA

O alcalde doa sangue e convida os cidadáns a participar nas campañas promovidas polo Centro de Transfusión de Galicia

02/05/2015 O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, doou sangue esta mañá nas instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG). Esta visita enmárcase dentro das campañas de doazón que desenvolve a Consellería de Sanidade, por medio do CTG, con motivo da ponte festiva do mes de maio, en previsión dun aumento das necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos.

Co seu xesto solidario, o alcalde santiagués tenta lembrar a importancia da colaboración da cidadanía nas campañas de doazón, xa que, cada día, son precisas 500 doazóns para permitir o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos. Así mesmo, Agustín Hernández convidou os cidadáns a doar sangue, xa que se precisan doazóns de todos os grupos sanguíneos, especialmente do tipos "A Positivo" e "A Negativo".

Así mesmo, o CTG lembra que os requisitos para doar sangue son moi sinxelos: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web, galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.

Compartir: