XUNTA DE GOBERNO

Asignadas as 39 hortas urbanas de Fontiñas

30/04/2015 Rematado o prazo de solicitude de renovación das concesión establecidas en 2013, a Xunta de Goberno acordou asignar o uso das 39 hortas municipais de Fontiñas-Cotaredo. O uso dos terreos é por dous anos, con posible prórroga anual ata un máximo de 4 anos.

As hortas municipais de Fontiñas-Cotaredo ocupan unha superficie total duns 1.500 metros cadrados. Son 39 parcelas cunha extensión media que rolda os 40 metros cadrados, destinadas a prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais.

A ordenanza que rexe estas adxudicacións prima na prelación aos veciños do contorno e xubilados. Esta é a segunda adxudicación de hortas municipais levada a cabo este ano, logo de que no pasado mes de xaneiro se adxudicaran as 26 hortas de Belvís de Abaixo, tamén por un período de dous anos.

Servizo de desratización
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de desratización no termo municipal de Santiago, mediante procedemento aberto, cun tipo de licitación de 25.663 euros/ano, por un período de dous anos.

Este servizo busca manter un axeitado control e, no seu caso, a eliminación de roedores con influencia na saúde pública. A desratización deberá atender, como mínimos á seguintes áreas: rede xeral de sumidoiros e desaugues de colectores de saneamento; rexistros de iluminación pública e rede regulación do tráfico; vías públicas, parque e xardíns, marxes dos ríos; locais e edificios de titularidade municipal; sotos, baixos e patios interiores de comunidades de veciños e todos aqueles que se requiren desde os servizos técnicos municipais.

As empresas licitadoras deberán propoñer un plan de acción baseado na sectorización do municipio e conforme a el establecer unha programación racional e eficaz que respecte en todo momento o ecosistema e o medio natural.

Terán que facilitar tamén un número de teléfono para a atención de denuncias cidadás e estar en disposición de realizar accións de maneira inmediata, no caso de detectarse calquera tipo de praga ou situación grave que poida xerar riscos para a saúde pública.

Outra das obrigas será a de realizar unha auditoría técnica semestral para analizar a situación, deseñar novas pautas de traballo e planificar as accións do seguinte semestre.

Sostemento dos centros socioculturais
No ámbito dos centros socioculturais, a Xunta de Goberno foi informada do pagamento, por parte da Deputación da Coruña, do primeiro prazo da subvención nominativa concedida para financiar o programa de actividades dos centros socioculturais do rural e do Centro Sociocultural do Ensanche en 2014, con dúas achegas de 70.000 euros e 72.000 euros, respectivamente.

Estas subvencións foran concretadas en dous convenios subscritos en xuño do ano pasado coa Deputación da Coruña.

Compartir: